O Rosal continúa cos seus ‘Faladoiros no Xardín’ abordando a detección do abuso sexual infantil

 A segunda sesión, a cargo da experta Teresa Calvo, será este xoves 20 de xuño ás 20.30 horas

O Rosal continúa xerando espazos seguros nos que tratar, visibilizar e explorar a diversidade coa segunda sesión dos seus ‘Faladoiros no Xardín’, unha actividade de balde aberta a todos os públicos cos que seguir avanzando nun municipio máis xusto, respectuoso e inclusivo para todas e todos.

Este xoves 20 de xuño a pediatra e especialista Teresa Calvo abordará en ‘Ollos que non queren ver’ a detección de abusos sexuais na infancia e na adolescencia dun xeito coidado e real, afondando nos riscos aos que se enfrontan nenos, nenas e mocidade e dando as claves para crear contornas seguras evitando toda forma de violencia e promovendo o desenvolvemento integral.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salienta a importancia “de educar e informar en temas que en moitas ocasións son tabús ou para os que non temos as ferramentas suficientes para detectar e solucionar. E contar para estas charlas con profesionais e persoas expertas en diferentes áreas é unha verdadeira oportunidade para aprender e seguir mellorando”.

Esta nova charla dos ‘Faladoiros no Xardín’ será ás 20.30 horas no xardín traseiro do Concello, aínda que podería trasladarse ao salón de exposicións en caso de choiva. O último faladoiro do ciclo será o xoves 27 de xuño da man de Outrora S. Coop. Galega para ir ‘Medrando con orgullo, desterrando a LGBTIQfobia’.