O ROSAL CONTINÚA ‘EDUCANDO EN FAMILIA’ PARA ACADAR UNHA SOCIEDADE IGUALITARIA

 O programa posto en marcha polo Concello continúa este venres 25 de marzo (19.00 h) cunha nova charla a cargo da educadora social Angelina Gándara

O Rosal continúa ‘Educando en familia’ para acadar unha sociedade igualitariaO Concello do Rosal continúa este venres 25 de marzo co seu programa ‘Educando en familia’, un espazo creado para que pais e nais poidan atopar resposta a moitas das inquedanzas que se dan no día a día da crianza. “Creamos un espazo onde escoitar e ter en conta as necesidades sobre educación que poidan ter as familias rosaleiras, servíndolles de guía e dándolle as ferramentas necesarias para poder afrontalas”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este venres a educadora social Angelina Gándara ofrecerá ás familias a charla ‘Cara a unha sociedade igualitaria: educar no feminismo’, unha temática que complementa a axenda cultural e de actividade programada polo Concello coincidindo coa conmemoración este mes de marzo do Día Internacional da Muller.

Durante o encontro Gándara reflexionará sobre se se educa por igual a nenas e nenos, sobre que axentes educan ademais da familia e a súa importancia no desenvolvemento das crianzas e, por último, dará as claves para educar no feminismo para ensinar a cativos e cativas a vivir en igualdade. “Elas e eles son o noso futuro e fundamentais para continuar revolucionando mentes. Viven unha etapa na que está libres de prexuízos e comezar a educalos en igualdade de xénero dende a infancia permitirá ter unha sociedade con adultas e adultos máis responsables e cívicos”, salienta a rexedora.

A charla celebrarase ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre ata completar aforo, aínda que pode facerse inscrición previa para reservar praza. Para facilitar a asistencia, o Concello pon a disposición das familias un servizo de canguro para o que si é necesaria a inscrición previa. Este servizo terá lugar sempre que se cubran un mínimo de 5 prazas.

A rexedora anima a veciñanza a participar nestas actividades e “a trasladar todas as suxestións e dúbidas que xorden cando unha familia está en plena crianza, porque educar é unha tarefa complexa para a que non temos manual de instrucións e que pode xerar moita inseguridade e medos nos pais e nais”.