O ROSAL CREARÁ UN ECOPARQUE NA CONTORNA DA PRAZA DO CALVARIO

O Concello dotará ao núcleo urbano dunha zona lúdica onde a veciñanza poida desfrutar dun espazo de gran riqueza natural 

Estará rematado a finais de outubro e conta cun orzamento de case 50.000 mil euros

O núcleo urbano do Calvario en O Rosal iniciará ao longo deste ano a súa transformación, á reforma integral da súa praza súmase agora a creación dun ecoparque na contorna. O Concello prepara unha parcela para crear unha zona verde inclusiva e dirixida á veciñanza.

O ecoparque recibirá o nome de Sobreiral, pola abundancia de sobreiras no espazo, e instalarase de acordo a criterios innovadores e inclusivos. A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que “queremos crear unha zona lúdica onde os veciños e veciñas poidan desfrutar dun espazo de gran riqueza natural”. Para elo, continúa a rexedora, “disporemos de espazos destinados a primeira infancia con xogos sensoriais, e de motricidade, unhas pequenas gradas para desfrute da veciñanza, xogos tradicionais”. Así como xogos que fomentan a creatividade, en concreto xogos de caracter musical vinculados co gran valor patrimonial que ten a música no concello.

Outro dos aspectos que primarán no ecoparque é a súa integración coa contorna, a vexetación, e o patrimonio natural da zona. Será unha zona adicada ao bosque atlántico, sobre todo sobreiras, e que permitirá fusionarse co entorno. A auga, a vexetación, a madeira, a pedra, son os elementos a partir dos cales se articula o deseño deste parque. Se todo vai ben estará rematado a finais de outubro e conta cun orzamento de case 50.000 euros, financiado con fondo propios do Concello  e unha axuda da Xunta de Galicia.

Co ecoparque o Concello ofrece un servizo ás familias con fillos menores de idade que hai no núcleo urbano e que reclaman espazos de lecer e convivencia. Este proxecto súmase ao recente Ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos, que está a piques de abrir as súas portas, dentro da estratexia do Concello para a creación de zonas verdes, innovadoras e inclusivas, para mellorar o benestar e a saúde da veciñanza e por en valor así o patrimonio rural e natural do Rosal.

Futoro Ecoparque Sobreiral Lugar Ecoparque Sobreiral