O Rosal creará unha bolsa de emprego para o posto de auxiliar administrativo

O ROSAL CREARÁ UNHA BOLSA DE EMPREGO PARA O POSTO DE AUXILIAR ADMINISTRATIVO

O obxectivo é poder cubrir as necesidades temporais de persoal para garantir o bo funcionamento dos servizos. As persoas interesadas xa poden presentar a súa solicitude

O Concello do Rosal acaba de poñer en marcha un proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para o posto de auxiliar administrativo mediante sistema de oposición. O obxectivo desta convocatoria é “dispoñer dunha listaxe de traballadoras e traballadores que nos permita cubrir as necesidades temporais de persoal que poidan xurdir, como baixas, o reforzo puntual dun servizo, a acumulación puntual de tarefas… Deste xeito podemos garantir o bo funcionamento de todos os servizos administrativos municipais”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As persoas interesadas en participar neste proceso poden presentar xa a súa instancia durante 10 días hábiles a partir do día seguinte da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, que foi este 16 de maio.

A presentación da solicitude realizarase preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello a través do trámite xa habilitado para o proceso, onde tamén se poderá atopar a documentación que se deberá presentar segundo as bases reguladoras. Tamén poderá presentarse de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas.