O ROSAL DÁ LUZ VERDE Á ORDENANZA QUE REGULARÁ AS AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL

Será aprobada en sesión plenaria este xoves 31 de marzo (20.30 h) no salón de plenos. Deste xeito, o Concello continúa dando pasos para mellorar a área de Benestar Social de forma transversal

O Concello do Rosal aprobará a ordenanza que regulará a concesión de axudas de emerxencia social, coa que se busca establecer unha serie de criterios obxectivos para a concesión de prestacións municipais para persoas ou unidades familiares en risco de exclusión social no concello. “Deste xeito iniciamos un camiño de transformación na área de Benestar Social, unha área que entendemos que debe ser transversal para atender ás necesidades sociais dos rosaleiros e rosaleiras que o precisen”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A ordenanza será aprobada na sesión plenaria que se celebrará este xoves 31 de marzo ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello. O obxectivo deste regulamento será establecer de xeito obxectivo un conxunto de dereitos e recursos de carácter municipal específicos “para dar unha resposta rápida e inmediata ás necesidades das persoas ou unidades familiares que se atopen nunha situación de carencia urxente para que poidan evolucionar cara á súa autonomía e integración social”.

Trátase de axudas temporais para paliar necesidades extraordinarias e urxentes de persoas afectadas por unha situación de carácter urxente, transitorio e puntual que terán que estar necesariamente enmarcadas nun proceso de intervención social no que se inclúa unha análise completa da situación familiar. A ordenanza establece os criterios para prestacións económicas para a cobertura de necesidades básicas xerais, como manutención ou cobertura de gastos socio-sanitarios e farmacéuticos, ou relacionadas coa vivenda ou o fomento do dereito á educación e da inserción socio-laboral.

“Para o Concello aprobar esta ordenanza é algo positivo e de vital importancia para axeitar as axudas e prestacións á realidade que viven as familias rosaleiras, unha realidade que vimos como nos dous últimos anos cambiaban e daban paso a novas necesidades para as que temos que estar preparadas e preparados dende a área de Benestar Social”, recalca a rexedora.