04 Nov 2026 O Rosal descobre novas habilidades cunha nova edición dos Obradoiros do Outono
A micoloxía, a estampación téxtil e a elaboración de coroas de hortensias, protagonistas dos sábados de novembro
Abertas a todos os públicos, nas actividades terán prioridade as persoas menores de 30 anos
Cogomelos, tintas e hortensias para descubrir que o outono tamén é unha estación para aprender facendo. O Concello do Rosal pon en marcha unha nova edición dos Obradoiros do Outono, unha iniciativa que regresa durante o mes de novembro con tres propostas para explorar novas habilidades, achegarse á natureza e gozar de experiencias diferentes arredor da artesanía e da aprendizaxe compartida.
A programación desenvolverase os sábados 14, 21 e 28 de novembro e combinará actividades relacionadas coa micoloxía, a estampación téxtil e a decoración floral. Tres oportunidades para experimentar con materiais e técnicas diferentes, descubrir novas afeccións e compartir unha xornada de lecer.
Como sinala a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “estes obradoiros son unha oportunidade para aprender cousas novas e descubrir todo o que podemos facer coas nosas propias mans. Queremos seguir ofrecendo actividades que esperten a curiosidade, favorezan a convivencia e nos permitan gozar da nosa contorna desde perspectivas diferentes”.
Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, resalta o carácter innovador destes obradoiros, nos que se trata de “probar, experimentar e descubrir habilidades que ás veces nin sabemos que temos. Queremos que a mocidade e a veciñanza en xeral atopen nestas actividades unha alternativa de lecer diferente, na que aprender e pasalo ben vaian da man”. Para González a variedade da programación que o Concello ofrece cada ano “permítenos pasar do coñecemento da natureza á creación de obxectos personalizados ou á decoración floral, sempre cun enfoque práctico e participativo”.
Tres sábados para aprender facendo
O ciclo arrancará o sábado 14 de novembro cun obradoiro de identificación de cogomelos, impartido por MycoGalicia. Unha proposta para achegarse á micoloxía, aprender a observar as características das diferentes especies e adquirir coñecementos básicos para a súa identificación.
O sábado 21 de novembro será a quenda da estampación téxtil cun obradoiro de personalización de tote bags da man de Galiestampa. As persoas participantes achegaranse ás técnicas de estampado sobre tecido, desde a creación dun deseño propio ata a súa aplicación sobre unha bolsa de tea, que poderán levar como resultado do traballo realizado durante a sesión.
A programación pecharase o sábado 28 de novembro cun obradoiro de elaboración de coroas de hortensias, impartido por La Casa Verde. Nesta actividade, as persoas asistentes poderán descubrir as posibilidades decorativas dunha das flores máis características da paisaxe galega e aprender a crear as súas propias composicións florais.
A información sobre horarios, prazas e inscricións iranse dando a coñecer nos vindeiros días a través das canles municipais.