O ROSAL DESCUBRE NOVAS E NOVOS POETAS NO CERTAME DE POESÍA ROSALÍA DE CASTRO DO CPI

A alcaldesa entregou este martes os premios ao alumnado gañador

O Rosal descubre novas e novos poetas no certame de poesía Rosalía de Castro do CPINovas e novos poetas agóchanse nas aulas do CPI Manuel Suárez Marquier. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, entregou este martes os galardóns aos premiados no certame de poesía co que o centro conmemorou este ano o Día de Rosalía de Castro en colaboración co Concello do Rosal. “Os resultados da participación déixanos ver que temos un gran potencial entre os nosos nenos e nenas e entre a nosa mocidade. Foron capaces de sorprendernos coas súas creacións, poemas actuais adaptados aos diferentes temas que Rosalía tratou na súa obra”, explica a rexedora.

Na categoría 1, para alumnado de primeiro e segundo ciclo de educación primaria, o xurado decidiu outorgar un premio colectivo á clase de 1º de Primaria, mentres que a estudante Lea Lomba Alonso, de 4º de Primaria fíxose co accésit. Na categoría 2, para estudantes de terceiro ciclo de educación primaria e 1º e 2º da ESO, a gañadora foi Noa Carabelos Álvarez, da clase de 6ºB. O accésit desta categoría foi para Saray Álvarez Coimbra, de 5ºB de primaria.

As obras debían ser inéditas e seguir a estrutura da poesía de Rosalía: unha linguaxe sinxela, versos curtos e glosa ou cantar popular que aparece ao principio da composición e a partir da que se elabora o poema. Como os poemas da autora, os traballos presentados debían centrarse na paisaxe galega, no amor, na emigración, na soidade, no costumismo, no machismo na sociedade ou na ironía ou o humor para tratar eses mesmos temas.

A alcaldesa quixo dar os seus parabéns non só ás e aos gañadores, senón a todo o alumnado “por participar no certame e render a súa propia homenaxe a unha autora que é peza fundamental da literatura galega”.