O Rosal énchese de cultura para desfrutar da primavera con 23 plans para todos os públicos

O Rosal énchese de cultura para desfrutar da primavera con 23 plans para todos os públicos

O Concello prepara unha completa axenda cultural con teatro, concertos, actividades infantís e eventos de éxito como unha nova edición do Rula Roupa Rosal

 

O Rosal prepárase para desfrutar da primavera cunha explosión de cultura e lecer. O Concello xa ten en marcha unha nova axenda cultural con 23 actividades pensadas para todas as idades, unha programación variada que mestura música, teatro, deporte, tradición e sustentabilidade coa colaboración do tecido social do Rosal e que promete converter maio e xuño nuns dos meses máis animados do ano.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou “o compromiso do Concello coa cultura como motor de cohesión social, educación e dinamización local. Queremos que O Rosal sexa un lugar vivo, onde sempre haxa algo que facer, que compartir e que celebrar”.

A programación cultural arranca esta fin de semana cun concerto especial da Agrupación Musical do Rosal, que celebra o seu 39 aniversario sobre o escenario nun evento no que contará coa participación especial da Banda Sinfónica La Lira de Pozuelo para interpretar a obra de gran dificultade ‘Dance Movements’ de Philip Sparke.  Será este sábado 3 de maio ás 20.00 horas no auditorio municipal. O día 10 de maio, o Orballo Fest organizado polo Valinox Novás en colaboración co Concello volverá á Praza do Calvario cunha fusión de música electrónica e gastronomía.

Unha das apostas máis singulares desta axenda é a segunda edición de Rula Roupa Rosal, que tras o éxito do ano pasado regresa á Praza do Calvario o sábado 25 de maio 11.00 a 20.00 h. Unha aposta pola moda sostible e a economía circular cun mercado de roupa e complementos de segunda man que non será só un espazo de compra e intercambio, senón tamén unha xornada chea de convivencia, obradoiros, música en directo e concienciación ambiental.

Os máis pequenos e pequenas tamén serán protagonistas desta axenda cultural grazas aos Venres Rebuldeiros, unha programación pensada para que a cativada goce e aprenda dun xeito ameno e divertido con contacontos e actividades na biblioteca ás 18.00 horas. Será o 9 de maio co espectáculo ‘O lobo feliz’ e o 23 de maio con Noelia Contacontos.

Entre os eventos destacados da programación rosaleira tamén se atopa o Concerto das Letras Galegas, que este ano contará coa actuación do recoñecido grupo de folk galego Malvela o domingo 18 de maio ás 20.00 h no auditorio municipal.

Como explica o concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, “o obxectivo é ofrecer propostas diversas e de calidade, que dean resposta aos intereses de toda a veciñanza e que convertan o Rosal nun referente cultural da comarca”. Toda a programación completa está dispoñible nas canles oficiais do Concello.