03 Out 2024 O Rosal enfróntase ao Alzheimer cunha sesión formativa sobre a doenza e os recursos dispoñibles
O Concello colabora con FADEAL e a Deputación de Pontevedra nesta charla de balde que se impartirá o xoves 10 de outubro de 16.00 a 20.00 h no Centro Social Polivalente
Rachar as barreiras que o Alzheimer pode atopar no rural. Ese é o obxectivo de ‘Alzheimer de preto’, unha sesión formativa organizada pola Federación Atlántica de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias (FADEAL) en colaboración co Concello do Rosal e a Deputación de Pontevedra que busca aproximar a todas e todos os participantes a esta doenza, achegando claves e ferramentas para convivir con ela e os recursos dispoñibles.
A formación está dirixida a persoas coidadoras familiares, persoas diagnosticadas en fase temperá e a calquera rosaleiro e rosaleira interesada en comprender mellor esta doenza e outras demencias. A sesión, que será de balde, realizarase o vindeiro xoves 10 de outubro de 16.00 a 20.00 horas no Centro Social Polivalente do Rosal con entrada libre ata completar aforo.
A sesión formativa será impartida por Beatriz Rodríguez, psicóloga de Afaga Alzheimer, e por Diana Rodríguez, traballadora social de Afaga Alzheimer en dúas partes diferenciadas. Por un lado abordarase a área sanitaria da enfermidade, facendo unha primeira aproximación á doenza falando da súa diagnose e evolución, dos factores de alarma, das pautas de comportamento para o día a día, dos tratamentos farmacolóxicos e dos avances en investigación. Mentres, a segunda parte da formación afondarase na área social da enfermidade cos tratamentos non farmacolóxicos e cos recursos de apoio psicolóxico, sociais e xurídicos dispoñibles.
“O Alzheimer non só afecta a quen o padece, senón que ten un impacto en toda a contorna familiar. Poñer ao alcance da veciñanza información, apoio e recursos que melloren a calidade de vida das persoas enfermas e das súas coidadoras é fundamental para rachar co illamento que moitas veces experimentan as familias e ofrecerlles ferramentas para afrontar os desafíos que trae esta doenza”, recalca a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez.
Estímase que na provincia de Pontevedra preto de 19.000 persoas sofren Alzheimer ou outras demencias neurodexenerativas, unhas doenzas que afectan ao 12.5% das persoas maiores de 65 anos e ao 31,25% das que superan os 85. “É unha realidade que afecta a moitas vidas e dende o Concello queremos ser parte da solución”, destaca a concelleira.
As persoas interesadas en participar poden obter máis información da sesión formativa enviando un correo electrónico a info.fadeal@gmail.com ou chamando ao teléfono 610 437 895.