O Rosal enraíza o benestar cun taller para aprender a crear kokedamas

O Rosal enraíza o benestar cun taller para aprender a crear kokedamas

O Concello estrea os Obradoiros de Outono o vindeiro 9 cun curso para achegarse a esta técnica xaponesa para deseñar xardíns sostibles

Aberto o prazo de inscrición para participar nesta iniciativa dirixida a todos os públicos con prioridade para menores de 30 anos

 

Desfrutar da natureza e do traballo coas mans liberando a creatividade. Ese é o obxectivo do curso co que o Concello do Rosal estrea os Obradoiros de Outono, un taller de dúas horas no que as e os participantes poderán aprender a técnica xaponesa da kokedama. Unha práctica de xardinería artesanal que combina natureza con mindfulness que permitirá ao público crear pezas sostibles que substitúen á maceta artificial por unha base de orixe totalmente orgánico para a planta a partir de musgo natural, terra e fío de algodón

Para o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, esta iniciativa “busca promover entre a veciñanza unha actividade que combina a tradición e o respecto pola natureza, unha maneira de crear e cultivar sen empregar macetas artificiais. Queremos que rosaleiros e rosaleiras descubran a beleza de traballar coa terra e cos elementos naturais dun xeito sostible”.

Organizado pola OMIX do Rosal, aínda que o taller está dirixido a público de todas as idades terán prioridade á hora da inscrición as persoas menores de 30 anos. Este primeiro obradoiro celebrarase o vindeiro 9 de novembro ás 11.00 horas na Aula da Natureza do Muíño das Aceñas e terá un prezo de 16 euros.

Con prazas limitadas, as persoas interesadas poden xa inscribirse a través do formulario web habilitado. Unha vez realizada a inscrición chamarase ás persoas interesadas para confirmar a súa participación e informar sobre o modo de pago.

A técnica da kokedama, que naceu en Xapón hai 500 anos inspirada no cultivo do bonsai, permite crear  unha contorna máis natural e coidada no fogar, substituíndo materiais artificiais por orgánicos e reducindo o impacto ambiental. Con esta iniciativa, o Concello continúa apostando por actividades para desfrute da veciñanza a través de prácticas saudables e sostibles, ofrecendo oportunidades de aprendizaxe e desenvolvemento persoal ao tempo que fomenta o respecto pola contorna natural e o medio ambiente.