28 Abr 2023 O ROSAL ESPERTA VOCACIÓNS COS SEUS ENCONTROS CON PROFESIONAIS
O Concello recupera esta iniciativa co obxectivo de axudar ao alumnado de 4º da ESO a coñecer diferentes saídas laborais
A rapazada coñeceu as vivencias de José Vicente e Jacobo Pereira, traballadores de ámbitos feminizados, e Sara Varela e Mirian Vicente, profesionais do eido tecnolóxico
O Concello do Rosal retoma os seus encontros con profesionais, unha iniciativa a través da que profesionais de diferentes ámbitos achegan as súas experiencias académicas e profesionais ao alumnado que se atopa inmerso no proceso de toma de decisións profesionais. Tras o parón por mor da pandemia, reactívase así unha actividade que naceu no ano 2016 que “é fundamental para que a mocidade poida coñecer mellor o mercado laboral actual e as posibilidades que teñen para o seu futuro”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O alumnado de 4º da ESO foi o encargado de facer as preguntan ás e aos profesionais convidados para transmitir a mozos e mozas as súas vivencias persoais. Nesta ocasión, ata as aulas achegáronse José Vicente e Jacobo Pereira, traballadores de ámbitos tradicionalmente feminizados, e Sara Varela e Mirian Vicente, profesionais do eido tecnolóxico, amplamente masculinizado.
O estudantado puido coñecer de primeira man a historia da arquitecta guardesa Mirian Vicente, nai de tres fillos que continuou ampliando a súa formación e que neste momento compaxina o seu traballo nun estudo de arquitectura do Rosal con outro nunha empresa de construción.
Pola súa banda, Sara Varela, viguesa aínda que de familia rosaleira, estudou Bioloxía e se formou en paleontoloxía. Chegando a traballar en Atapuerca ou en Praga, Brasil ou Berlín, onde estivo 7 anos no Museo de Historia Natural. Desenvolveu a súa carreira tamén no Centro Nacional para a Investigación Humana en Burgos e en varias universidades españolas ata o seu regreso a Vigo, onde na actualidade leva a cabo un proxecto de investigación moi prestixioso.
José Vicente contou a súa experiencia como profesor de educación infantil dende hai 25 anos. Tras cursar Maxisterio en Pontevedra, aproba as oposicións en 1999 e colle como primeiro destino Goián e logo no CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño para no ano 2003 integrarse no equipo docente do CEIP A Sangriña da Guarda. Pai de tres fillas, sabe ben o que é conciliar vila laboral e familiar a tempo completo e destaca polo agarimo que lle teñen alumnado e familias e polo seu compromiso e responsabilidade.
O alumnado tamén puido coñecer as vivencias de Jacobo Pereira, cun itinerario académico e laboral que se escapa das liñas habituais. Estuda e traballa durante varios anos no sector da Mecánica Naval e incluso estivo embarcado durante un tempo, ata que decide cambiar de rumbo. Retoma o Bacharelato e, orientado por un profesor, decide estudar Administración e Dirección de Empresas durante tres anos pero, non contento co seu futuro, marcha a Santiago a facer Educación Social. Aí comeza un percorrido primeiro de dous anos por Granada cunha bolsa de estudos e logo por Brasil cunha bolsa de Excelencia Académica, ata que hai 7 anos recala en Avelaíña, traballando na actualidade no ámbito da Saúde Mental.
Invitando a profesionais de diferentes ámbitos o Concello procura axudar ao alumnado de 4º da ESO “nun momento no que se atopa inmerso no proceso de toma de decisións vocacionais. Este curso é un punto de inflexión para o alumnado, xa que está na procura do seu camiño profesional, polo que os percorridos e experiencias destes catro profesionais poden servirlles como inspiración”.