O ROSAL ESTREA A SÚA RENOVADA PRAZA DO CALVARIO

O Concello inaugura este sábado 1 de outubro ás 20.00 horas un espazo de estancia e lecer transformador

O proxecto contou cun investimento de 1,5 millóns de euros cofinanciados entre Concello e Deputación de Pontevedra e para o que se solicitaron fondos europeos

O Rosal estrea esta fin de semana a súa renovada Praza do Calvario. O Concello celebra este sábado 1 de outubro un acto inaugural aberto á veciñanza que contará coa presenza da alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, así como de membros da corporación municipal, rexedores e rexedoras do Baixo Miño, autoridades e representantes das asociacións culturais, deportivas e sociais do municipio. “É unha obra histórica para o noso concello que marca un antes e un despois na forma de entender os nosos espazos, creando iniciativas e proxectos que nos permitan construír O Rosal das persoas”, salienta a rexedora, Ánxela Fernández Callís.

O acto inaugural arrancará ás 20.00 h coa actuación do grupo de baile de Paula Covián e pecharase, tras a intervención das autoridades, cun concerto da Banda da Agrupación Musical do Rosal. Tras el a veciñanza poderá desfrutar xa dos resultados dun proxecto transformador co que o Concello do Rosal deu un paso adiante na recuperación de espazos públicos de calidade para as persoas, xerando unha zona de estancia, encontro e lecer de uso polivalente e marcado carácter peonil que tamén servirá para impulsar o dinamismo comercial da zona.

Tras oito meses de intenso traballo, a Praza do Calvario preséntase totalmente transformada despois dunha reforma integral feita con materiais construtivos que preservaron e potenciaron o carácter patrimonial e arquitectónico existente, mellorando as condicións de mobilidade peonil e as condicións ambientais e paisaxísticas da praza, así como todos aqueles elementos que non se ven pero que son de vital importancia, como a renovación de todas as canalizacións.

Un proxecto de mellora e transformación da praza nun espazo público de calidade que recolle parte da historia do Rosal e que trasladará á veciñanza a finais do século XIX, cunha praza humanizada no que a sobreira era a árbore protagonista e na que destacaba o valor patrimonial da contorna.

A reforma integral da Praza do Calvario contou cun orzamento de 1,5 millóns de euros cofinanciados entre o Concello e a Deputación de Pontevedra a través do ReacPon, e para o que o Goberno municipal tamén solicitou axudas europeas nese traballo de captación de fondos externos para continuar coa transformación do Rosal.

Fernández Callís convida a toda a veciñanza a participar neste acto inaugural e “a desfrutar deste novo espazo que volve poñer en valor un lugar central da vila amable, de convivencia, máis democrático, onde acontecerán cousas, onde a xente poderá relacionarse e gozar da cultura, doo deporte e doutras iniciativas. En definitiva, cambiando o modelo e poñendo ás persoas no centro de toda as actuacións”.