O ROSAL ESTREA MARZO CUN APARTADO ESPECÍFICO DE IGUALDADE NA WEB MUNICIPAL

O Concello quere continuar revoluncionando mentes apostando pola igualdade a todos os ámbitos todos os días do ano.

Marzo contará cunha ampla programación centrada na igualdade, como unha campaña para levar o 8M a fiestras e escaparates con pegatinas que se poden recoller dende hoxe mesmo na casa consistorial 

O Rosal aposta pola igualdade todos os días do ano e en todos os ámbitos municipais. Nese camiño para continuar revolucionando mentes a web municipal estrea este luns un apartado específico de igualdade que contará con material relacionado con este ámbito e que lonxe de ser estático continuará crecendo ao longo do tempo con novo contido. “Buscamos un cambio de mentalidade, sensibilizar á veciñanza e facela reflexionar para camiñar cara unha sociedade máis respectuosa baseada na igualdade entre persoas, independentemente do seu xénero ou condición”, salienta a concelleira Sara Vicente.

Este novo apartado na web municipal contará cunha categoría de curtas, na que se poderán ver por exemplo todos os vídeos do proxecto Claqueta Violeta, a charla de novas masculinidades ofrecida por AHIGE Euskadi ao alumnado rosaleiro ou as pílulas de igualdade desenvoltas pola Universidade de Vigo. Neste espazo atoparanse ademais recomendacións de películas, libros, series…; unha guía de recursos; un enlace ao Proxecto VÍA posto en marcha polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier ou as imaxes das exposicións ‘Eu tomo partido’ e ‘Mulleres no deporte’.

Tamén estará recollida toda a información relacionada co ‘Revolucionando mentes’, unha campaña de sensibilización e igualdade posta en marcha polo Concello en marzo do 2020 co obxectivo de achegar á veciñanza unha nova conciencia social. “O lema é revolucionando porque os cambios adoitan supoñer unha revolución, sexa cal sexa o ámbito da vida no que se apliquen; evolucionando porque buscamos o avance para ter unha sociedade máis aberta e igualitaria na que as persoas teñan os mesmos dereitos e liberdades, e mentes porque é o primeiro que debe abrirse para poder evolucionar. Tivo unha grande acollida por parte da veciñanza, polo que decidimos dar un paso máis alá e convertelo en bandeira do noso Concello”, explica.

8M

O mes de marzo arrancará cunha ampla programación centrada na igualdade e cunha iniciativa que busca a implicación da veciñanza. “O 2021 é un ano moi atípico no que non se pode pensar en actos presenciais nin multitudinarios, por iso optamos por actividades para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, con actividades nas que os rosaleiros e rosaleiras poidan participar de forma activa sen correr ningún risco”, asegura a concelleira. Por ese motivo o Concello busca inundar as fiestras dos domicilios e os escaparates dos comercios con pegatinas do ‘Revolucionando mentes 8M’ que as persoas interesadas poderán recoller dende hoxe mesmo na casa consistorial.

Nesa aposta por unha conmemoración do 8M segura, o Concello apostará por realizar este mes de marzo accións ao aire libre. Así, na Praza do Calvario poderá verse dende o 5 de marzo a exposición ‘O traballo non ten xénero’, unha mostra de 11 figuras de diferentes oficios nas que as persoas que se acheguen poden poñer o seu rostro para visibilizar que o traballo non é cuestión de homes ou mulleres. A mostra complementarase cun teito de cristal, unha lona que simula o teito de cristas para que as persoas poidan pasar debaixo e ver algunhas das dificultades ás que teñen que enfrontarse as mulleres ao longo da súa vida laboral, social, familiar… polo mero feito de ser muller e no que se debe continuar traballando para facer desaparecer.

Serán máis as accións en igualdade previstas. As rúas do Rosal tinguiranse de morado coa exposición ‘Farrapos morados’elaborada polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier, que crearon unhas lonas con palabras cheas de contido coas que traballar e sensibilizar a prol da igualdade. Pola súa banda, a ANPA do CRA María Zambrano tamén participará coa súa exposición ‘Iguais somos +’ e as redes sociais do concello servirán de altofalante para difundir diferentes iniciativas sobre a igualdade.