O Rosal estrea no Camiño da Sueira un novo modelo para os espazos de interese paisaxístico ou patrimonial

O ROSAL ESTREA NO CAMIÑO DA SUEIRA UN NOVO MODELO PARA OS ESPAZOS DE INTERESE PAISAXÍSTICO OU PATRIMONIAL

O Concello saca a licitación por máis de 97.000€ a reconfiguración deste espazo entre a estrada de Couselo e o Camiño da Menora

O Concello do Rosal vén de sacar a licitación a reconfiguración do Camiño da Sueira, entre a estrada de Couselo e o Camiño da Menora, unha intervención que servirá de modelo urbanístico a implantar en espazos de matriz rural, con presenza de elementos con interese paisaxístico e patrimonial e un certo nivel de concentración residencial que demande un tratamento diferente do espazo público.

“Queremos dotar aos nosos camiños e estradas dunha unidade que nos permita crear ao longo do noso concello ámbitos singulares que salienten os elementos de maior valor ambiental, paisaxístico e patrimonial, delimitando zonas de convivencia que favoreza a mobilidade peonil nas áreas residenciais, mellorando a calidade estética destas zonas, pero tamén todo o que non se ve, como a rede separativa de pluviais”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Será un modelo de intervención coñecido como tipo ‘rosario’, no que se crean unha serie de espazos puntuais resoltos con materiais nobres e fronte a elementos de especial significación unidos por un conxunto de eixos nos que se diminúa a presenza de asfaltados tradicionais e se inclúan detalles coidados.

O proxecto no Camiño da Sueira contempla a substitución dos pavimentos no vial, unha ramificación de escasa sección que deriva cara ao oeste dende a estrada de Couselo e que comunica a través da ponte sobre o río Tamuxe co centro co Rosal. En total serán 1.203 metros cadrados de superficie nos que se buscará a creación de espazos de encontro para a veciñanza e outros de convivencia entre peóns e vehículos, mantendo o tráfico rodado para residentes e os indispensables para a mobilidade xeral.

Estas obras terán un prazo de execución de dous meses e xa están en licitación por un importe de máis de 97.000 euros. As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 12 de febreiro.