A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete, visitaron as instalacións, nas que se acometeron unha importante reforma

O ROSAL ESTREA UN PAVILLÓN MÁIS ACCESIBLE

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete, visitaron as instalacións, nas que se acometeron unha importante reforma

Afección e veciñanza poderán coñecer o renovado pavillón nunhas xornadas de portas abertas este 14 e 15 de decembro de 17.00 a 20.00 horas

O Rosal continúa o seu camiño cara a un municipio máis inclusivo e accesible en todos os eidos. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, visitaron o renovado pavillón municipal, no que se acometeu unha importante reforma de todas as instalacións que mellorou tanto as condicións de accesibilidade, así como os espazos de usos de todas e todos os deportistas, garantindo tamén a súa seguridade.

Como salientou a rexedora durante a visita, a través do proxecto Cocreando Sociedade o Concello do Rosal ratificou o seu compromiso “coa inclusión e a mobilidade e por facer accesibles progresivamente todas aquelas dependencias municipais que aínda non o eran, como o noso pavillón municipal”.

“Con estas novas obras xa dispoñemos dunhas instalacións aptas para persoas usuarias con diferentes tipos de mobilidade, con percorridos completamente accesibles que nos permitan mellorar non só o acceso ao público, senón incluso dar un paso máis alá e abrir as portas do pavillón a actividades de deporte adaptado. Unha iniciativa que ratificou o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta, que salientou “a importancia da renovación das instalacións para facer municipios máis inclusivos a todos os niveis”.

Ademais da instalación dun ascensor, durante as obras reformáronse integralmente as zonas de vestiarios e aseos, cambiouse o chan mellorando o illamento e creouse unha rampla e unha plataforma horizontal que garante o acceso ao interior do pavillón. Estas melloras súmanse aos traballos de reforma dos vestiarios locais e do cambio da pista de xogo para que usuarios e usuarias puideran practicar deporte de xeito seguro.

O Concello quere abrir as portas do renovado pavillón á afección, pais e nais de xogadores e veciñanza en xeral. Para facelo, este mércores 14 e xoves 15 de decembro haberá unha xornada de portas abertas de 17.00 a 20.00 horas para que os rosaleiros e rosaleiras poidan comprobar de primeira man o importante cambio nestas instalacións tras a reforma.

Este proxecto de mellora levouse a cabo a través dun convenio de colaboración ente o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a través do que se investiron máis de 200.000 euros financiados ao 40% polo Goberno municipal e ao 60% pola Secretaría Xeral. O pavillón conta cunha alta actividade deportiva e é sede do club de balonmán Valinox Novás, ao que unha vez máis o Concello quere agradecer a súa colaboración e disposición para seguir mellorando as instalacións municipais.