O Rosal explora o talento local cun obradoiro de pintura en cerámica

O Rosal explora o talento local cun obradoiro de pintura en cerámica

O Concello pon en marcha o segundo dos Obradoiros de Outono o vindeiro 16 de novembro

Aberto o prazo de inscrición para participar nesta iniciativa dirixida a todos os públicos con prioridade para menores de 30 anos

 

O Concello do Rosal convida a descubrir o encanto da cerámica coa mellor ferramenta: as nosas propias mans. A OMIX do Rosal pon en marcha o segundo dos Obradoiros de Outono, un taller de dúas horas que baixo o título ‘Pinta a túa cerámica’ abrirá ás persoas participantes as portas a un universo de cores e texturas no que cada unha poderá transformar unha peza de cerámica nalgo único e persoal. Dirixido por Conchi Garrido, este obradoiro promete ser unha experiencia creativa e inspiradora para todos os públicos.

O taller terá lugar o vindeiro sábado 16 de novembro ás 11.00 horas na Nave Obradoiro da Mata, aproximadamente dúas horas para que as persoas interesadas decoren unha peza cerámica que ao remate serán levadas a un taller cerámico para o seu esmaltado e cocido no forno cerámico para obter pezas de uso alimentario que se entregarán ás e aos participantes dúas semanas despois. Organizado pola OMIX do Rosal, aínda que o taller está dirixido a público de todas as idades terán prioridade á hora da inscrición as persoas menores de 30 anos.

O concelleiro de Xuventude, Alejandro González, destaca que o Concello traballa para “abrir espazos onde a mocidade e tamén a veciñanza en xeral poida experimentar e desenvolver a súa creatividade. Este obradoiro é un paso máis na nosa aposta por ofrecer alternativas culturais, formativas e de lecer innovadoras”.

Con prazas limitadas, as persoas interesadas poden xa inscribirse a través do formulario web habilitado. Unha vez realizada a inscrición chamarase ás persoas interesadas para confirmar a súa participación e informar sobre o modo de pago. O prazo de inscrición remata o vindeiro luns 11 de novembro.