19 Xul 2025 O Rosal inaugura a súa XXXIII Feira do Viño con emoción, tradición e espírito de comunidade
A alcaldesa Ánxela Fernández Callís destacou o compromiso coa calidade, co sostible e coa identidade dun territorio orgulloso das súas raíces
O corazón do Rosal latexou con forza coa inauguración da XXXIII Feira do Viño, que arrancou cun acto institucional cheo de simbolismo, emoción e recoñecemento á tradición vitivinícola da comarca. A Praza do Calvario converteuse no escenario principal desta celebración que se consolida como unha das citas máis destacadas do calendario galego.
A alcaldesa Ánxela Fernández Callís destacou que “o viño do Rosal non é só unha bebida, é a historia de milleiros de mans traballadoras, é a tradición que une xeracións e o símbolo dun territorio vivo e orgulloso”, afirmou. A rexedora tamén subliñou que esta será a edición “máis dinámica, sostible e segura” da historia da Feira.
Carlos Gómez, presidente da Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal, participou no acto pero non puido ofrecer o seu discurso por problemas de afonía. Aínda así, declarou aos medios presentes o valor estratéxico do sector vitivinícola como motor de vida e futuro para o rural.
O pregoeiro da edición 2025 foi o experto vitivinícola Ziyang Zhang, asesor da Embaixada de China en España e director da Guía Peñín en Asia, quen conquistou ao público cun discurso emotivo e cheo de profesionalidade no que puxo en valor o potencial internacional dos viños do Rosal. “Vengo de un país donde el té es arte, pero he descubierto que en Galicia, y especialmente en O Rosal, el vino también es poesía”, afirmou ante os aplausos do público. Zhang destacou que os viños da comarca están a traspasar fronteiras e emocionan tamén fóra de Galicia: “Porque, créanme, cuando un vino de O Rosal llega a una copa en Shanghái o en Pekín, no solo se brinda por su sabor, se brinda por Galicia entera”.O acto foi conducido por Nani Matos, recoñecido polos seus éxitos cinematográficos, quen deu paso ás intervencións das autoridades.
Durante o acto, que foi conducido polo recoñecido actor baixomiñoto Nani Matos, tamén se celebrou o tradicional nomeamento de confrades de honra e cabaqueiros, un dos momentos máis esperados da inauguración. Nesta edición foron nomeados confrades de honra:
- D. Alfonso Dorado Senra, do Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal, quen recibiu a homenaxe por sorpresa cunha ovación especial do público despois de 30 anos de Mostra na Feira. Amosouse profundamentre emocionado e agradecido.
- A Unión Deportiva Ribera, representada polo seu presidente Óscar Barbosa, polos seus 75 anos de fútbol no Concello.
- A Sociedade Deportiva Atlético Novás, representada por Andrés Senra Pregal, polos 50 anos de balonmán.
- D. Marcelino Escolar Martínez, impulsor clave do sector desde a empresa Inoxes.
- O propio pregoeiro, D. Ziyang Zhang.
Así mesmo, nove persoas foron nomeadas Cabaqueiros do Viño do Rosal 2025, representando a cada unha das adegas participantes, simbolizando a unión entre tradición e renovación no sector.
O acto pechouse cun brinde colectivo entre autoridades, representantes das adegas, confrades e público asistente, seguido dunha visita institucional ás exposicións e un pincho de confraternidade.
A Feira continuará ao longo de toda a fin de semana cun amplo programa de actividades para todos os públicos, música en directo, obradoiros, catas comentadas, escape room e espazos para as familias, consolidando ao Rosal como capital do viño, da cultura e da festa con alma.