O Rosal inicia o camiño para converterse en Cidade Amiga da Infancia

O Rosal inicia o camiño para converterse en Cidade Amiga da Infancia

O Concello mantivo un encontro coa responsable de Sensibilización e Políticas de Infancia de Unicef para estudar os pasos a seguir

O Concello inicia o camiño para converter ao Rosal en Cidade Amiga da Infancia. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Beatriz Rodríguez, mantivo un encontro coa responsable de Sensibilización e Políticas de Infancia en Unicef, Marta Andrade, para analizar cal é o proceso a seguir e ver os primeiros pasos a dar para obter este recoñecemento de compromiso cos dereitos infancia e adolescencia no municipio.

“Ser Cidade Amiga da Infancia é un proceso de aprendizaxe e mellora continua para transformar a nosa sociedade e contribuír a que nenos, nenas e adolescentes se impliquen no presente e no futuro do noso concello en todos os ámbitos, dándolles voz e voto e facéndoos partícipes da política local”, explica a concelleira.

O Rosal quere sumarse así ás nove cidades galegas que contan con este distintivo, para o que é preciso contar cunha estratexia e accións para crear contornas máis seguras, protectoras e propicias para que a rapazada poida desenvolver todo o seu potencial. Un camiño que se realizará sempre “escoitando as súas opinións” e impulsando unha estrutura dinámica de participación infantil e adolescente, facendo unha diagnose da realidade e levando a cabo un plan local para responder a todos os posibles problemas detectados.