O Rosal iniciará en breve a segunda fase das obras da estrada entre Tabagón, As Eiras e Goián

O ROSAL INICIARÁ EN BREVE A SEGUNDA FASE DAS OBRAS DA ESTRADA ENTRE TABAGÓN, AS EIRAS E GOIÁN

A alcaldesa e a presidenta da Deputación de Pontevedra visitaron este luns a estrada. A primeira fase vén de conseguir unha axuda de 470.000 euros do IDAE, o que permitirá ao Concello aforrar preto de 95.000€

A primeira fase das obras para mellorar a mobilidade peonil da EP-3303 entre Tabagón, As Eiras e Goián avanza ao ritmo esperado e está a piques de rematar. Así o anunciaron a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e a presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nunha vista realizada para coñecer o estado de intervención deste proxecto que permitirá conectar os dous núcleos da ribeira do Rosal co de Goián “apostando por un modelo no que se recuperen os espazos para as persoas e se fomente unha mobilidade sostible”, como sinalou a rexedora.

Durante a visita, alcaldesa e presidenta informaron da posta en marcha en breve da segunda fase das obras na estrada, que chegarán ata o P.Q. 3+600 e contarán cun orzamento de 795.872 €. Crear un espazo no que peóns e vehículos poidan convivir en harmonía é o obxectivo destas obras. Trátase, en palabras de Carmela Silva, dunha infraestrutura “que vai dar resposta ás demandas da veciñanza de ter espazos seguros polos que camiñar, así como a unión de dous concellos cunha profunda relación histórica”. Nesta liña tamén falou a rexedora rosaleira, que destacou que esta obra camiña cara á construción “dun concello na que as persoas sexan o centro”, para o que é vital a colaboración da Deputación.

Ademais, esta actuación vén de recibir para a súa primeira fase unha importante subvención de case 473.000 euros do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, o que supón o 73% do custo total das obras, que ascende aos 650.444 euros. Tras recibir os fondos europeos refinánciase a parte restante, que asumen Deputación de Pontevedra ao 80% e Concello ao 20% cos mesmos criterios de reparto do convenio orixinal. Con este novo reparto sobre a mesa, o Concello do Rosal aforra 94.525 euros dos 130.088 que achegara nun inicio. Destes máis de 90.000 euros aforrados, a Deputación devolveralle ao Concello 53.598 euros. O resto son os fondos pertencentes ao Plan Concellos 2020, que a entidade local poderá dedicar a outros investimentos.

As obras desta primeira fase abranguen os primeiros 1,8 km dos 4,5 que ten a estrada. Como parte das actuacións, estase a ampliar a plataforma de circulación ata un ancho de 9,10 metros e situando unha senda peonil na marxe dereita, ou unha zona de convivencia peonil naquelas zonas nas que no hai espazo suficiente, como a contorna do Centro Rural Agrupado (CRA) María Zambrano. Ademais, están a instalarse redutores de velocidade, renóvase a rede de drenaxe e se fai a canalización subterránea para a futura renovación do alumeado público. Por outro lado, reducirase a velocidade máxima a 30 km/h, se ben baixará a 20 km/h na zona da escola unitaria. Todas estas actuacións levarán parella unha redución do consumo de enerxía final do 9,2%, así como do 9,6% en canto a emisións.

Con este proxecto o que se busca é recuperar espazos para as persoas e fomentar a mobilidade sostible, nunha zona na que o tráfico rodado é intenso mais tamén hai unha importante mobilidade peonil de veciños que van a Tomiño, así como peregrinos que fan o Camiño Portugués pola Costa.

Segunda fase

A segunda fase das obras, para a que xa está redactada o convenio e sacarase a licitación en canto estea aprobado, actuarase no seguinte tramo, ata o punto quilométrico 3+600 para crear itinerarios peonís continuos na totalidade da zona. Neste días enviarase o convenio ao Concello, para aprobar un orzamento de 795.872 euros que estará cofinanciado ao 80% pola Deputación de Pontevedra e ao 20% polo Concello.

O prazo de execución desta obra é de dez meses e contempla varias actuacións. Por unha banda, no tramo da Igrexa de San Bartolomeu de Eiras executarase unha zona de convivencia sobreelevada con prioridade peonil, mentres que no resto deseñaranse sendas peonís desagregadas dos vehículos. Tamén se renovará a capa de rodaxe e de pavimento de formigón con bandas de pedra na zona de convivencia con redutores de velocidade e pasos sobreelevados. Ademais de mellorar a mobilidade peonil, na segunda fase das obras da EP-3303 executaranse redes soterradas de recollida de augas pluviais con cunetas transitables e de alumeado con arquetas para a futura colocación de farois.