27 Xul 2022 O ROSAL LEVA A PLENO A MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA QUE PERMITIRÁ A ADHESIÓN AO PROGRAMA DA TÚA MAN
O pleno, terá lugar ás 20:30h deste mércores no Salón de Plenos do Concello
O Concello do Rosal aprobará, no pleno municipal deste mércores, a modificación do orzamento que permitirá facer efectivo o convenio de colaboración asinado coa Deputación de Pontevedra que busca dinamizar o comercio local baixo o lema “Da túa man”.
Segundo a alcaldesa Ánxela Fernández Callís, a adhesión a este programa financiado con fondos europeos Next Generation “é unha boa nova para o Concello xa que, a través de diversas medidas, axudará aos negocios locais a iniciar a súa transformación dixital e a seren máis competitivos e sostibles”.
Este plan suporá un desembolso de case 115.000 euros, dos cales o 70% financiarao o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e o 30% será invertido pola Deputación de Pontevedra e o Concello do Rosal a partes iguais.
No pleno aprobarase tamén unha modificación da ordenanza fiscal reguladora do Mercado Municipal que permitirá avanzar no procedemento administrativo cara incluír a ampliación do mesmo. Ánxela Fernández, rexedora rosaleira, di que “este é un primeiro paso previo á licitación dun novo espazo gastronómico que terá unha superficie total de 166 m2”.
Estas e outras cuestións serán as protagonistas do pleno ordinario de hoxe, que terá lugar no Salón de Plenos do Concello do Rosal, a partires das 20:30h.