
19 Xul 2022 O ROSAL MANTÉN A SÚA MEMORIA VIVA
O Concello presenta este venres 22 no auditorio municipal (20.30 h) a segunda edición dun proxecto co que se busca salvagardar o patrimonio inmaterial do municipio. Carmen Piedra e Isaac Penela son os protagonistas
O Concello do Rosal continúa salvagardando a súa historia. Este venres 22 de xullo presenta ás 20.30 horas no auditorio municipal a segunda edición do proxecto ‘Memoria viva’, unha iniciativa coa que se procura protexer e manter presente o patrimonio inmaterial do Rosal, así como o coñecemento e a memoria que atesouran as persoas maiores do municipio. Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “non queremos que caia no esquecemento unha parte tan importante da nosa memoria individual e colectiva e dese desexo de conservar as historias que non están nos libros nace Memoria Viva. Seguiremos traballando para recuperar e recompilar as vivencias persoais, momentos históricos, formas de vida… dos nosos veciños e veciñas”.
Nesta segunda edición, Carmen Piedra Pérez e Isaac Penela Carbajales son os protagonistas dos dous vídeos que recollen a través das súas lembranzas parte da súa vida pero tamén as formas de vivir, de pensar, de crecer, de entender as tradicións e mesmo os costumes de toda unha época. O proxecto complétase con dous libros de pequeno formato, coleccionables coas entrevistas mantidas con Carmen e Isaac durante o proceso e que se suman ás de Nemesio Castro e Marcola González, cos que arrancou o proxecto.
Dende o Concello quere agradecerse a inestimable colaboración de Carmen e de Isaac, así como das súas familias, sen as que non sería posible ter chegado a realizar os traballos de documentación e gravación.
Durante o acto presentaranse ambos os dous libros do proxecto, así como os dous vídeos documentais. A presentación será con entrada libre e de balde ata completar aforo.