O Rosal móllase polos ríos

O ROSAL MÓLLASE POLOS RÍOS

Participa na limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega, coordinada no concello rosaleiro pola asociación A Jalleira. Será o 25 de setembro no río Tamuxe. As persoas interesadas poden inscribirse xa

O Concello do Rosal implícase coa limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega ao abeiro do Proxecto Ríos, unha xornada de recollida e retirada de lixo á beira dos espazos fluviais coa que se busca concienciar á veciñanza da necesidade de manter limpos de residuos os ríos e a súa contorna natural.

A xornada celebrarase o vindeiro 25 de setembro e con ela procederase á limpeza do río Tamuxe. A asociación forestal e de educación ambiental A Jalleira será a encargada de coordinar a xornada no Rosal, que comezará ás 09.45 horas e terá o muíño das Aceñas como punto de encontro.

A actividade está aberta a todos os públicos. Todas as persoas interesadas en participar poderán solicitar información ou inscribirse enviando un correo electrónico a ajalleira@gmail.com ou a través da páxina de Facebook da asociación.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a todas as rosaleiras e rosaleiros a que se una a esta nova edición de limpeza de ríos simultánea, que cada ano mobiliza a milleiros de voluntarios e voluntarias en distintos municipios galegos. Recoméndase levar roupa cómoda para camiñar, protección solar en caso de que o tempo o demande e calzado para auga ou de recambio por se se molla durante a actividade.