O ROSAL, NO SEU COMPROMISO COA DIVERSIDADE DE XÉNERO, ENCHE AS ZONAS DE BAÑO DO CONCELLO CON SINAIS DE APOIO AO COLECTIVO LGTBIQ+

Na mesma liña, o contacontos “Piratrans Carabarco” achegará ao concello a realidade trans

Todas as zonas de baño do Rosal contan xa co seu sinal integrador: o parque de Pías, e nos ríos da Pesqueira, Fornelos e Aceñas.

“Desde o Concello seguimos defendendo os dereitos e liberdades de todas as persoas, independentemente de cal sexa a súa identidade ou orientación”, sinala a rexedora Ánxela Callís. E engade: “por iso eliximos estes espazos xa que son moi transitados, e deste xeito visibilizamos a liberdade de elección de cada quen”.

Cada indicador ten as cores da bandeira do orgullo, e vai acompañado de palabras alusivas a sentimentos.

E no propio día do Orgullo 2022, o vindeiro martes 28 de xuño, o concello do Rosal acolle unha actividade para o público infantil e para as súas familias: o contacontos “Piratrans Carabarco”, que terá lugar ás 18:30 horas na Biblioteca Municipal.

O evento contará coa presenza de Sara Uris, unha profesora de Educación Infantil, especialista en xénero e igualdade, que ademais é a creadora de “Transformando Realidades”, unha iniciativa que acompaña, orienta e brinda apoio a familias.

Consciente do grao de descoñecemento que existe en torno á transexualidade, o Concello do Rosal busca concienciar e sensibilizar á poboación máis nova sobre a realidade do colectivo trans, a través desta actividade.

Só a educación é quen de achegarnos as ferramentas para entender, aceptar, normalizar e integrar na nosa sociedade todas as persoas sexa cal sexa a súa identidade de xénero.

Co contacontos “Piratrans Carabarco” os nenos e nenas pasarano en grande e, ao mesmo tempo coñecerán, dun xeito sinxelo e natural, a realidade das persoas trans.