O ROSAL OFRECE ESTE VENRES UNHA CHARLA SOBRE COMUNICACIÓN FAMILIAS CON ADOLESCENTES

O acto comezará ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente e forma parte do programa do Concello “Educando en Familia”

O programa “Educando en Familia” do Rosal, un espazo para que pais e nais poidan atopar resposta a moitas das inquedanzas que se dan no día a día, así como ferramentas para poder afrontalas, continúa en marcha. O Concello programa este venres ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente unha charla sobre comunicación familiar con adolescentes. A alcaldesa, Ánxela Fernández, lembra que a entrada é libre ata completar aforo, aínda que para asegurar a asistencia as persoas interesadas poderán inscribirse previamente a través da web municipal. Ademais, ofrecerase servizo de canguro para facilitar a asistencia e conciliación de todas e todos os participantes. As persoas que precisen utilizar este servizo deberán solicitalo este mesmo luns.

A charla do venres tratará de responder a unha das cuestións educativas que máis lles preocupa ás familias: Como podemos mellorar a educación durante a adolescencia? As persoas profesionais reflexionarán coas familias asistentes da importancia de manter unha relación bidireccional cos e coas adolescentes, onde ademais de sentirse apoiados e apoiadas, teñamos en conta os seus intereses e os fagamos partícipes da vida familiar, compartindo os os problemas, as decisións que se toman e tratando de non facer xuízos constantes nin manter un rol moi directivo.

“Co Educando Familia quixemos establecer un espazo onde as familias do Rosal poidan escoitar e preguntar todas as súas dúbidas”, explica a alcaldesa, ao tempo que lembra que aínda quedan dúas charlas máis ata finais de ano. O venres 26 de novembro, as familias poderán falar sobre a importancia do xogo e o xoguete na infancia coa educadora social Angelina Gándara e o 17 de decembro a terapeuta ocupacional Lorena Guerra descubrirá a importancia da autonomía persoal no desenvolvemento e aprendizaxes dos nenos e nenas.