O Rosal pecha o ciclo ‘Cafés en igualdade’ falando da presión estética

O ROSAL PECHA O CICLO DE ‘CAFÉS EN IGUALDADE’ FALANDO DA PRESIÓN ESTÉTICA

A psicóloga Andrea Iglesias falará dos estereotipos de beleza, da ditadura dos canons estéticos ou da moda e a súa relación cos trastornos alimentarios

Será o xoves 25 de maio de 17.30 a 18.30 h no Salón de Exposicións do Concello con servizo de cafetería da Tapería A Praza

O Rosal pecha esta semana o seu ciclo de ‘Cafés en igualdade’, un programa creado polo Concello para xerar un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de temas de interese, unha burbulla de lecer persoal dunha hora ao mes na que poder conversar como se se estivera cun grupo de amigas de diferentes temáticas, ofrecendo un pequeno balón de osíxeno na loita diario po a conciliación familiar, laboral e persoal real.

Será a quinta e última sesión da tempada, na que psicóloga rosaleira Andrea Iglesias afondará con todas as participantes sobre a presión estética, abordando os estereotipos de beleza, a ditadura dos canons estéticos e a moda actual e a súa relación con trastornos alimentarios. Neuropsicóloga clínica e psicóloga xeral, Iglesias é especialista en saúde mental e terapias psicolóxicas. A cita será este xoves 25 de maio de 17.30 a 18.30 horas no Salón de Exposicións do Concello, con servizo de cafetería da Tapería A Praza.

Trátase do último encontro da tempada dun ciclo de charlas organizadas polo Concello cada último xoves de mes, nos que se celebran interesantes encontros dirixidos a mulleres nun horario diferente, moitas veces aproveitando os tempos mortos de obrigas cotiás como poden ser as esperas mentres fillos e fillas están nas actividades extraescolares. Os ‘Cafés en igualdade’ retomaranse en outubro con novas temáticas a abordar.

O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.