O Rosal percorrerá o 2023 a través das aves da súa contorna

O ROSAL PERCORRERÁ O 20223 A TRAVÉS DAS AVES DA SÚA CONTORNA

O Concello deseñou un almanaque que pon en valor a fauna do municipio con fotografías do rosaleiro Luis Dorado. Xa pode recollerse de forma gratuíta na Casa Consistorial

O tradicional calendario municipal chega un ano máis ás casas rosaleiras para percorrer este 2023 a través da fauna da contorna. O Concello xa ten a disposición da veciñanza unha nova edición dun almanaque que busca cada ano destacar diferentes aspectos do Rosal e que “este ano centra as súas imaxes nas aves autóctonas do municipio, poñendo en valor a nosa natureza e dándolle tamén protagonismo ao noso patrimonio paisaxístico”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Con fotografías do rosaleiro Luis Dorado, o almanaque dá a benvida ao novo ano cunha imaxe dun pisco na portada que dará paso a unha ducia de pequenos paxaros que viven nos montes e lares do Rosal como o curroxo, a carriza, a anduriña, o ferreiriño abelleiros, o pardello, o pardillo, o pimpín, a chasca, o papamoscas, a papuxa das amoras, o ferreiriño cristado e o xirín.

O calendario conta ademais con diferentes refráns e citas de poemas extraídos da ‘Guía das aves de Galicia’ (Editorial Galaxia, 1980), elaborada por Xosé M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López e Carlos Rodríguez Silvar. “Só temos palabras de agradecemento para todas as persoas que colaboraron con nós para facer este almanaque, para Luis Dorado por facernos vibrar coa natureza que nos rodea a través das súas fotografías e cos autores da guía por permitirnos usar anacos da súa obra neste novo calendario que queremos que chegue a todas as casas”, salienta a rexedora.

Os Reis Magos xa repartiron os primeiros calendarios deste 2023 durante o seu percorrido polos barrios do Rosal. As persoas que desexen conseguir un destes almanaques poderán solicitalo de xeito totalmente gratuíto na Casa do Concello.