O Rosal, pioneiro con dúas das primeiras estacións de recarga municipais para vehículos eléctricos da comarca

O Rosal, pioneiro con dúas das primeiras estacións de recarga municipais para vehículos eléctricos da comarca

O Concello dá novos pasos cara á sostibilidade con esta instalación que permitirá a carga simultánea de catro coches na vía pública

O Rosal volve ser referente en eficiencia enerxética e sostibilidade. O Concello puxo xa en funcionamento dous puntos de recarga para vehículos eléctricos de uso público, un proxecto pioneiro en toda a comarca que permitirá a residentes, turistas e veciñanza dos municipios da contorna cargar os seus coches dun xeito sinxelo e cómodo.

Esta instalación, situada na rúa do Couso, busca “facilitar e fomentar a mobilidade eléctrica para reducir as emisións de carbono a atmosfera, contribuíndo a crear un rural consciente e investindo en infraestruturas verdes que seguen a liña de proxectos estatais e europeos”.

Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, con estes dous puntos de recarga de uso público O Rosal convértese nun referente en sostibilidade na comarca “grazas a aposta do Goberno municipal por dar respostas innovadoras a áreas que ata o de agora non se tiñan explorado”. Estas dúas estacións de recarga son de acceso e uso público e permitirán dar servizo a particulares e profesionais na vía pública, “servindo de exemplo para todos aqueles condutores e condutoras que queiran sumarse ao uso de vehículos eléctricos”.

A posta en marcha destes dous puntos de recarga súmanse a todas as medidas postas en marcha polo Concello para diminuír a emisión de gases contaminantes, incluídos os procedentes do tráfico rodado e cara ao que xa se camiñou con iniciativas como o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (OMUS) ou a transformación e reorganización do tráfico de contornas como a Praza do Calvario.