As sobreiras da Ermida da Madalena, incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia

O Rosal pon en marcha un ciclo de 5 andainas interpretativas para por en valor o seu patrimonio cultural e natural

 As rutas, de balde e dificultade media-baixa, comezarán o vindeiro 21 de abril un percorrido polas Eiras. Necesaria inscrición previa en rutas@orosal.gal

Camiñar para coñecer cada recuncho do Rosal dun xeito sinxelo, ameno e divertido. Con ese obxectivo o Concello pon en marcha un ciclo de cinco andainas interpretativas de balde que ao longo dos vindeiros meses permitirá a todas e todos os participantes “compartir lecer con outros veciños e veciñas e poñer en valor o patrimonio histórico, cultural, paisaxísto e natural do Rosal”. 

O concelleiro de Turismo e Deportes, José Carlos Martínez Crespo, destaca que se trata “dunha nova oferta de turismo e de lecer coa que desfrutar practicando unha actividade tan sa e interesante como o sendeirismo ao tempo que seguimos coñecendo os segredos que agochan as nosas parroquias e que en moitas ocasións pasan desapercibidos”.

Serán cinco andainas de dificultade media baixa con percorridos de entre 5 e 10 quilómetros e guiadas por persoal experto co que coñecer tamén a flora e a fauna autóctona, a xeoloxía, a toponimia ou a antropoloxía de diferentes recunchos do Rosal dun xeito ameno. Este ciclo estrearase o domingo 21 de abril cunha andaina pola parroquia das Eiras para coñecer os máis de 300 petróglifos do Ghorghalado e a capela e as sobreiras da Madalena, con máis de 400 anos de. historia, así como a praia ou o cruceiro e o peto de ánimas do Camiño da Cubela. A saída será ás 10.00 horas dende as adegas Val Miñor, na estrada PO-552 de Tui á Guarda, onde comezará un percorrido circular de 6 km e unhas tres horas de duración.

O percorrido transcorrerá por pistas e camiños de terra polo que, aínda que é de dificultade baixa-moderada, a ruta non é apta para persoas con mobilidade reducida. Para desfrutar da actividade, recoméndase levar calzado axeitado e roupa cómoda adaptada á climatoloxía, bastóns ou elementos de apoio similares e auga e algo para picar durante o roteiro.

A segunda andaina será o 19 de maio pola Senda dos pescadores do Río Carballas (Tamuxe), unha ruta totalmente chan duns 8 km de dificultade baixa-moderada dende a área de lecer das Aceñas coa praia das Eiras no río Miño. O 16 de xuño será a quenda de Couselo – Niño do Corvo, un roteiro circular de 8 km de dificultade moderada con saída e chegada na aldea de Couselo que permitirá descubrir tamén pesqueiras e viñedos. Aínda sen data, tamén se realizará unha andaina de dificultade moderada dende os muíños do Rego da Cal ata a Ermida de San Martiño e outra pola beira atlántica, percorrendo o Camiño de Santiago pola Costa e o Alto da Portela, esta xa de dificultade esixente.

As persoas interesadas en participar en calquera destas andainas deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico rutas@orosal.gal. Haberá un máximo de 30 prazas por andaina, confirmarase por correo electrónico en caso de quedar en lista de agarda.