O ROSAL PON FREO Á VIOLENCIA DE XÉNERO

Ao abeiro do 8M, o Concello traballará a perspectiva de xénero e a igualdade co alumnado de infantil, primaria e secundaria

O Rosal pon freo á violencia de xénero. Ao abeiro do 8M, Día Internacional da Muller, o Concello pon en marcha diversas iniciativas para traballar co alumnado de infantil, primaria e secundaria do municipio aspectos como a perspectiva de xénero, a violencia ou a igualdade. “Os nenos e nenas, a mocidade, son o noso futuro. Por iso é fundamental que visibilicen o labor da muller na sociedade para que poidan seguir dando pasos adiante e reivindicar a igualdade de oportunidades e o dereito a vivir sen violencias”, salienta a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.

Con ese obxectivo, o Concello porá en marcha a iniciativa ‘Sinais contra a violencia de xénero’, unha actividade dirixida aos máis de 200 alumnos e alumnas de entre 12 e 16 do Rosal, que traballarán con sinais de tráfico contra a violencia de xénero. Os rapaces e rapazas terán que percorrer un circuíto polos corredores do centro educativo con todas estas sinais con lemas como ‘Stop ao maltrato’, ‘Stop ao control’, ‘Cedo o paso á igualdade’, ‘Cedo o paso á educación’, ‘Perigo violencia vicaria ou ‘Perigo violencia psíquica’, entre outras mensaxes. Ademais, o alumnado completará a actividade coa achega de fotografías portando estas sinais.

Para o alumnado de infantil e primaria a actividade centrarase no cine en igualdade. Durante os vindeiros días para os case 150 nenos e nenas de infantil e primaria do CRA María Zambrano con entre 3 e 7 anos proxectarase no auditorio municipal ‘Valentina’, filme gañador do Goya 2022 á mellor película de animación. Mentres que os máis de 160 rapaces e rapazas de 6 a 12 anos do CPI Manuel Suárez Marquier poderán desfrutar da mesma película na biblioteca do centro. É unha película que transmite valores como a inclusión e a diversidade e que contará durante a súa proxección coa colaboración do alumnado de San Xerome Emiliani, que farán ese día de acomodadores, taquilleiros… para recrear a sensación de estar desfrutando de un verdadeiro espectáculo de cine.

Ademais, a vindeira semana comezarán a desenvolverse os obradoiros de afectividade, nos que participará o alumnado de secundaria do CPI Manuel Suárez Marquier durante as vindeiras semanas.

Por outra banda, como é habitual nestas datas, a Casa do Concello e a Cámara Agraria iluminaranse de morado para reivindicar o papel das mulleres na sociedade e realizarase unha concentración o propio 8 de marzo ás 12.00 horas nos xardíns do Concello.