O Rosal prepara xa a I Festa do Asociacionismo

O ROSAL PREPARA XA A I FESTA DO ASOCIACIONISMO

Celebrarase o vindeiro 17 de maio co obxectivo de dar a coñecer a actividade do tecido asociativo e promover vínculos e colaboracións

O Rosal quere render homenaxe ao seu tecido asociativo, un dos eixos fundamentais do desenvolvemento do municipio. Por este motivo, o Concello está xa a preparar a I Festa do Asociacionismo, un evento que coincidirá coa celebración do Día das Letras Galegas o vindeiro martes 17 de maio e que busca “mostrar toda a actividade que están a facer as asociacións rosaleiras que traballan nos diferentes ámbitos no concello e promover ademais vínculos e colaboracións entre elas e as persoas asociadas”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O encontro celebrarase no parque de Pías e nel instalaranse postos nos que todas as asociacións presentarán o seu traballo e na que tamén haberá distintas actividades e obradoiros nos que poderá participar o público asistente. O programa completarase con eventos e actos dirixido a público infantil e con actuacións musicais para todos os públicos.

“As asociacións son un dos motores do dinamismo do Rosal a nivel cultural, deportivo, educativo ou social, cunha capacidade de adaptación impresionante a todas as circunstancias dos últimos anos, algo que dende o Concello non podemos máis que louvar”, lembra a rexedora, que salienta que “sentimos moito orgullo de poder celebrar unha festa na que recoñecer o seu labor e dar a coñecer a todos os rosaleiros e rosaleiras o traballo que están a desenvolver no municipio”.