O ROSAL PREPÁRASE PARA O CONCERTO MÁIS ESPECIAL DO ANO

A Agrupación Musical do Rosal celebra o seu tradicional concerto de Santa Icía este sábado 19 ás 19.30 h no auditorio municipal

Contará coa participación como frauta solista de Ana Mª Fernández, gañadora do V Concurso de Xoves Intérpretes ‘Antonio Granja’

O Rosal prepárase para o concerto máis especial do anoO Rosal quenta motores para unha das actuacións máis agardadas do ano. A Agrupación Musical do Rosal celebra este sábado 19 de novembro o seu tradicional concerto de Santa Icía, unha actividade coa que conmemorar o día da patroa da música e compartir o seu bo facer co público.

O auditorio municipal acollerá ás 19.30 horas un concerto que, baixo a batuta de Javier Alonso, achegará a todas e todos os asistentes obras de Maslanka, Ticheli e Bernstein e que servirá para presentar ás 10 novas e novos músicos que se incorporan á banda. Ademais, nesta ocasión contarase coa participación como frauta solista de Ana María Fernández, gañadora da quinta edición do Concurso de Xoves Intérpretes ‘Antonio Granja’.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a desfrutar un ano máis dun concerto único co que a Agrupación Musical do Rosal conquistará ao público. A actividade será de balde con entrada libre ata completar aforo.