O Rosal prepárase para unha fusión de música e sabor coa segunda edición do Orballo Fest

O Rosal prepárase para unha fusión de música e sabor coa segunda edición do Orballo Fest

O Concello colabora neste festival organizado polo Valinox Novás que se celebrará este sábado 12 na Praza do Calvario

Será de balde con programación dende as 12.00 horas

 

O Rosal prepárase para unha nova fusión de música e gastronomía co Orballo Fest. A Praza do Calvario acollerá este sábado 12 de abril a segunda edición deste festival organizado polo Valinox Novás co que colabora o Concello e que levará ao corazón do Rosal a música electrónica e diferentes ritmos, así como a gastronomía local para que o público poida explorar.

Unha cita pensada para todos os públicos con entrada libre e de balde durante toda a xornada que comezará ás 12.00 horas cunha sesión de música en directo de Miguel Cerqueira para ir abrindo boca e ambientar o día. Ademais, as familias tamén terán o seu espazo para desfrutar de xogos, inchables, futbolín e balonmán na rúa, convertendo a praza nun espazo de lecer para todas as idades.

Xa a partir das 21.00 horas, a Praza do Calvario transformarase no corazón da festa cunha noite chea de ritmos diversos e moita enerxía. Rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar da actuación de artistas como Dumore, Groove Amigos, La Mosca Valiente & Friends, Iván Alonso, Joselete, Adrián Mesu e Axel. O Orballo Fest contará ademais con espazos gastronómicos e propostas de coctelería creativa, facendo da noite unha experiencia completa para os sentidos.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo,  convidan a toda a veciñanza e visitantes a vivir unha xornada festiva e participativa, onde a cultura, a música e os sabores se dan a man para quentar motores de cara á Semana Santa con moito ritmo.