03 Nov 2023 O ROSAL PREPRÁRASE PARA CELEBRAR O SEU MERCADO DE NADAL
O Concello abre o vindeiro luns 6 de novembro o prazo de inscrición para participar neste espazo que se celebrará o 2 e 3 de decembro
O Rosal prepárase para festexar o Nadal. O Concello abrirá o vindeiro luns 6 de novembro ás 09.00 horas o prazo de inscrición para participar no tradicional Mercado de Nadal, “un lugar de oportunidades para as persoas que realizan traballos relacionados coa artesanía e co deseño, un espazo que permite cada ano visibilizar o traballo e o talento creativo e innovador de artistas artesáns da nosa vila”, recorda a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O tradicional Mercado de Nadal do Rosal abrirá as súas portas os días 2 e 3 de decembro no salón de exposicións do Concello e o público poderá visitalo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
Todas as persoas interesadas en participar e ter un posto no mercado deberán presentar a súa solicitude de participación no Rexistro do Concello ata o vindeiro 21 de novembro acompañada da documentación correspondente: DNI, carné de manipulador de alimentos no caso de venda de produtos gastronómicos que non teñas pasado controis de calidade, a solicitude de inscrición e unha declaración responsable.
Como é habitual, o mercado estará aberto á participación de asociacións sen ánimo de lucro, persoas produtoras e vendedoras de produtos gastronómicos (repostería, mel, queixos, marmeladas, turróns…) e persoas artesás dedicadas aos máis diversos sectores.
Establecerase un máximo de 15 postos para a celebración deste mercado que se concederán por estrito orde de entrada da solicitude. Ademais, soamente se concederá un posto por participante, que deberá traer a súa propia instalación e decoración e que deberá ser o máis atractiva posible e adaptada á temática da época de Nadal.