O ROSAL PRESENTA A SÚA MEMORIA VIVA NO FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE (PLAYDOC) DE TUI

O Concello proxectou o tráiler das entrevistas a Nemesio Castro e a Marcola González, protagonistas da primeira edición do traballo de recuperación de patrimonio inmaterial no municipio

A Memoria Viva do Rosal continúa a espallarse. A pasada fin de semana o Concello presentou no Festival Internacional de Cine de Tui, Playdoc, as entrevistas a Nemesio Castro e a Marcola González, veciños históricos da vila e protagonistas da primeira edición do proxecto de recuperación de patrimonio inmaterial no municipio. Estas entrevistas destacan, ademais de polo seu coidado estilo audiovisual, por ser a salvagarda de testemuñas que son historia viva do Rosal. 

Á presentación do proxecto acudiron a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e o director audiovisual, Jorge Fernández Meneses, que agradeceron ao Playdoc o interese polas historias de Memoria Viva e a súa acollida no Festival. A rexedora destacou o firme obxectivo do Concello de preservar as testemuñas das persoas maiores do Rosal para que “non desapareza unha memoria individual e colectiva de gran valor, que non aparece nos libros, e que define a identidade dos rosaleiros e rosaleiras de hoxe”, mentres que Jorge Fernández subliñou os aspectos técnicos do proxecto e a importancia que se lle da ao espazo. “A contorna é un elemento narrativo para comprender a estas persoas”, destaca. No caso de Marcola a casa na que vive, foi antes a tenda na que pasou a vida, mentres que os muíños do Folón e do Picón son elemento chave na vida de Nemesio. 

As entrevistas que se presentaron no Festival son soamente un apartado dun proxecto transmedia máis amplo. A través da páxina web de Memoria Viva as persoas interesadas poden acceder aos vídeos documentais e a libros en pequeno formato coas historias dos protagonistas e das súas familias. Poden coñecer a Nemesio, un pequeno gran home dono do último muíño activo do Folón e do Picón, e a Marcola,  unha muller avanzada aos seus tempos, que sempre foi un paso por diante da realidade que lle tocou vivir, rachando barreiras e teitos de cristal. 

Memoria Viva é un proxecto que se prolongará no tempo e que vai ser ampliado cada ano coas testemuñas de máis veciños e veciñas. “Cada día que pasa pode ser crucial no estado mental e na capacidade de memoria das persoas maiores polo que o traballo de recollida non debe parar”, conclúe a alcaldesa.