O Rosal promove un verán cheo de actividades turísticas

O Concello ofrece visitas guiadas semanais ao Museo do Cabaqueiro e aos muíños do Folón e do Picón

A oficina de turismo abrirá este mércores 3 de xullo nas instalacións dos muíños do Folón

O Rosal prepárase para un verán cargado de turismo. Un ano máis, para desfrutar do lecer estival e guiar a veciñanza e visitantes, o Concello abrirá este mesmo mércores 3 de xullo de novo as portas da Oficina de Información Turística, un punto informativo situado no muíño número 1 do Folón ao que poderán acudir todas as persoas que queiran afondar no que ver ou do que gozar durante os seus días de estancia no municipio rosaleiro e na contorna.

A oficina permanecerá aberta ao público durante todo o verán en horario de mañá os mércores de 12.00 a 14.30 horas e venres e domingos de 11.00 a 14.30 horas e en horario vespertino xoves de 17.00 a 19.00 h e sábados de 17.00 a 20.00 horas.

Entre as actividade que destacarán este verán están as visitas guiadas semanais de balde da man dunha guía experta tanto ao Museo do Cabaqueiro como aos propios muíños do Folón e do Picón. As visitas ao Museo do Cabaqueiro serán todos os mércores de 11.00 a 11.45 horas, mentres que o percorrido polos muíños do Folón e do Picón serán os xoves de 19.00 a 21.00 horas.

Para participar nas visitas, as persoas interesadas deberán realizar inscrición previa chamando ao teléfono 618 02 99 16 ou escribindo un correo electrónico ao enderezo visitasguiadas@orosal.gal indicando nome e apelidos das persoas participantes, DNI de todas as persoas asistentes e teléfono de contacto. En caso de que non haxa demanda nestas actividades, durante ese tempo manterase a oficina de turismo aberta.

O concelleiro de Turismo, José Carlos Martínez Crespo, convida a veciñanza e visitantes a participar nestas visitas guiadas xa que, como subliña, “son unha oportunidade única para coñecer en profundidade o noso rico patrimonio visitando exemplos únicos da nosa historia e cultura”. Como sinala o edil, estas actividades forman parte dunha programación estratéxica coa que ao longo de todo o ano o Concello busca potenciar o turismo local e descubrir a rosaleiros, rosaleiras e turistas a riqueza do municipio.