O ROSAL RECUPERA A SÚA MEMORIA HISTÓRICA CON DOUS ACTOS ESTA FIN DE SEMANA

O Rosal, xunto coa Comisión pola Memoria Histórica Baixo Miño – Condado – Louriña organiza unha homenaxe e unha exposición no concello rosaleiro os vindeiros 27 e 28 de agosto

A Comisión pola Memoria Histórica Baixo Miño – Condado – Louriña, en colaboración co Concello do Rosal organiza duas actividades esta fin de semana. O sábado 27 de agosto, terá lugar en Portecelo, un acto de conmemoración no que se homenaxeará a seis persoas asasinadas nese lugar no ano 1936 por defender a liberdade e a democracia. A cita é ás 20.00 horas no Penedo, no Horizonte (Portecelo).

O día seguinte, o domingo 28, a Sala de Exposicións do Concello acollerá a inauguración dunha exposición sobre os traballos de exhumación que o Instituto de Estudos Miñoranos levou a cabo en San Xián en 2009, e na que se atoparon cinco corpos. Será ás 12 do mediodía.

Catro dos cinco cadáveres achados foron identificados, corresponden ao nigranés Joaquín de la Iglesia Portela, Manuel Prudencio do Rosario, Abilio Araújo Barboza e Jesús ‘O Palero’, todos de Gondomar. Os cinco, xunto a Manuel Noia Gil, ex-alcalde da Guarda que foi torturado e executado no mesmo lugar, serán os homenaxeados na xornada do sábado na presenza das súas familias. Tamén está previsto que asistan ao acto as e os alcaldes de Concellos do Baixo Miño, Val Miñor e Paradanta.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, sinala a importancia destes traballos de recuperación que permiten que moitas familias atopen aos seus devanceiros desaparecidos e poidan pechar o ciclo. “É imprescindible coñecer a nosa historia e saber quenes somos para vivir o presente e ter perspectiva de futuro”.