O Rosal recupera o seu Entroido

O ROSAL RECUPERA O SEU ENTROIDO

Máis de 700 persoas participarán no tradicional desfile, que se celebrará o vindeiro domingo 19 de febreiro

 As comisións de festas preparan en Fornelos e Novás un entroido cheo de actividades para todos os públicos 

O Rosal quenta motores para unha nova edición do Entroido. Máis de 700 persoas participarán este domingo 19 de febreiro no tradicional desfile polas rúas do Calvario. Oito carrozas, seis comparsas, seis grupos e unha morea de persoas que participarán no concurso de disfraces individuais encherán de música, cor e máscaras as rúas da vila dende dende as 11.00 horas.

“É unha ledicia retomar o Entroido con total normalidade despois de dous anos sen desfile e sen poder desfrutar da alegría propia do Carnaval. Así que animamos a toda a veciñanza a vir e gozar do desfile pero tamén da festa nos barrios con tradición máis carnavalesca do Rosal, Fornelos e Novás, cunhas comisións de festas que traballan arreo e ás que queremos agradecer un ano máis o seu esforzo e dedicación”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

En Novás a programación de Entroido arranca tamén o día 19 coa centenaria tradición da subida do maio ás 16.30 horas, seguida da música do grupo de gaitas Airiños do Folón e de xogos populares e chocolate con rosca para todo o público. O luns 20 ás 16.30 horas será a Gran Corrida do Galo e o martes 21 porán fin ás festas coa tradicional Frixidela con pan de millo e viño amenizada pola música de Roberto Caco a partir das 18.00 horas.

Pola súa banda, Fornelos prepara catro días de música e actividades. A festa comezará xa o sábado 18 coa actuación musical do grupo Ritmo e o trío Salero ás 21.00 horas. O domingo pola tarde, ás 16.30 horas haberá pasarrúas a cargo do grupo Trebón dos Xidos e, a partir das 21.00 horas, máis música coa verbena amenizada polas formacións Acirema e Xtra. O luns 20 a xornada comezará ás 16.30 h coa tradicional Corrida do Galo na praza de Fornelos e pola noite será a quenda da orquestra Los Players e o trío Azar (21.00 h). O martes 21 o Carnaval rematará coa tradicional Frixidela a partir das 16.30 horas con degustación para todas e todos os presentes e animación do grupo Do Lusco o Fusco.