O Rosal recuperará os camiños na contorna da Pesqueira

O ROSAL RECUPERARÁ OS CAMIÑOS NA CONTORNA DA PESQUEIRA

O Concello celebrou un acto de participación social para coñecer as suxestións da veciñanza para este novo proxecto

O Concello do Rosal continúa poñendo en marcha proxectos que permitan un desenvolvemento global do municipio, poñendo en valor os seus espazos e situando unha vez máis ás persoas no centro. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, presentou nun encontro coa veciñanza o proxecto de recuperación dos camiños da contorna da Pesqueira, en Couselo de Abaixo, que “ten como obxectivo mellorar a calidade ambiental dos vieiros que dan acceso a este espazo de lecer no río Carballas, ao tempo que se aumenta a seguridade dos percorridos peonís”.

O Concello celebrou un acto de participación social aberto no que rosaleiros e rosaleiras puideron achegar as súas ideas e suxestións para esta iniciativa que está arrancando e que busca facer que “esta contorna de gran valor paisaxístico e patrimonial manteña o seu carácter orixinal, máis favorable para o paseo e as relacións cotiás entre a veciñanza”, recalcou a rexedora.

A intervención xeral consistirá na renovación dos pavimentos, con bandas de adoquín de granito que contribúan a unha maior integración paisaxística. O Concello complementará todas as intervencións de superficie con traballos como a creación dunha nova rede de separación de pluviais para a recollida das augas da choiva.

A alcaldesa quere agradecer a implicación e compromiso de toda a veciñanza do barrio, que durante o encontro achegou posibles necesidades que se poderán incorporar ao proxecto.