07 Xuñ 2024 O Rosal remata a primavera doando sangue
Unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón visitará o municipio o vindeiro luns 10 de xuño de 10 a 14 e de 16 a 21 h
O Rosal despide a primavera achegando a súa pinga de solidariedade. O vindeiro luns 10 de xuño unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) visitará o concello para facilitar a todas as persoas que o desexen a acción de doar.
Como vén sendo habitual, o autobús situarase na rúa Ramón Franco número 4, diante da sucursal de Abanca, e permanecerá aberto mañá e tarde de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.
Nestes intres as reservas de sangue do grupo 0- están en niveis baixos, polo que dende a axencia fan un chamamento a todas as persoas deste grupo a achegarse á calquera das unidades móbiles que percorren cada día Galicia ou a algún dos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos. Galicia precisa entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.
Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.