O Rosal, retratado entre viños e viñas da man de Xosé Tomás

O Rosal, retratado entre viños e viñas da man de Xosé Tomás

O ilustrador rosaleiro presenta este 24 de abril o seu novo libro acompañado por Sara Quintana, historiadora autora do texto, e pola alcaldesa Ánxela Fernández Callís

Será ás 20 h no auditorio municipal con entrada libre

O sector vitivinícola é parte da identidade do Rosal, parte da súa orixe, paisaxe, cultura e tradición por iso ben merecía dedicarlle unha historia ben contada. Así naceu ‘Entre viños e viñas no val do Rosal’, un proxecto posto en marcha polo Goberno municipal que recolle a través das ilustracións de Xosé Tomás e dos textos da historiadora Sara Quintana “todos os segredos do viño do Rosal dunha maneira sinxela, amena e divertida”.

Xunto coa alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, Xosé Tomás e Sara Quintana estarán o vindeiro mércores 24 de abril ás 20.00 horas no auditorio municipal para presentar este libro que fai un intenso percorrido pola historia do viño dende os seus comezos ata actualidade, detallando de forma significativa procesos como o ciclo da vide, a vendima, a produción do viño, a cata ou o enoturismo e poñendo en valor o traballo de centos de profesionais que o fan posible.

“Cabe un sentido agradecemento a todas as persoas que traballan arreo con delicadeza e profesionalidade neste sector: todas e todos vós sodes parte deste libriño feito con moita ilusión, cariño, estudo, análise e memoria”, salienta Fernández Callís. A rexedora recalca a importancia das vides e do viño para rosaleiros e rosaleiras, xa que “achégannos calidade do produto, emprego, exportación arredor do mundo e un futuro no que acreditamos avanzar da man da innovación tecnolóxica na senda da sostibilidade ambiental que demanda a propia sociedade”.

Consumido hoxe en día en máis de 70 países, O Rosal non se entende sen uvas, vides e viños, aos que cada ano se lle renden homenaxe nunha das festas máis importantes do ano en Galicia. Festa de interese turístico, a Feira do Viño do Rosal reúne acada ano ás adegas da DO Rías Baixas da subzona do Rosal e a milleiros de persoas nunha promoción única do sector vitivinícola e dos produtos locais.