O Rosal revoluciona mentes a prol da igualdade

O ROSAL REVOLUCIONA MENTES A PROL DA IGUALDADE

Ao abeiro do 8M o Concello estreará mural, organizará unha cadea humana coa veciñanza e plantará flores moradas

Comercio local e empresas poden recoller sinais contra a violencia de xénero para colocar nos seus establecementos

O Rosal segue a revolucionar mentes na súa loita pola igualdade e contra a violencia de xénero., Ao abeiro do 8M, Día Internacional da Muller, o Concello pon en marcha varias iniciativas para visibilizar ante a veciñanza a importancia de acadar a igualdade real, tamén entre os máis pequenos e pequenas. “Nesta data e todo o ano debemos reivindicar o labor da muller na sociedade, seguir dando pasos adiante e reivindicar a igualdade de oportunidades e o dereito a vivir sen violencias”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Con este obxectivo, o Concello comezará o vindeiro luns 27 de febreiro a entregar sinais contra a violencia de xénero a comercios locais e empresas, para que poidan colocalos nos seus establecementos e sumarse a esa marea cidadá “que busca poñer freo a unha lacra social que atenta contra a integridade, a dignidade e a liberdade das mulleres”. Comercios e empresas interesados en participar poden recoller estas sinais na Casa do Concello de 09.00 a 14.00 horas ou na biblioteca municipal de 16.30 a 20.30 horas.

Por outra banda, o propio 8 de marzo desenvolverase un amplo programa de actividades baixo o programa ‘Revolucionando mentes’, unha campaña de sensibilización e igualdade posto en marcha polo Concello para achegar á veciñanza unha nova conciencia social baseada no respecto por todas as persoas independentemente do seu xénero.

Así, ás 11.30 horas no Espazo de Autoarranxo do Rosal procederase á lectura do manifesto e á inauguración do mural da artista Gemma Marqués, unha pintura inspirada nas mulleres creadoras do pasado e do presente para ollar cara ao futuro. Trátase dun mural con moita cor e figuras femininas recoñecidas co que transmitir “unha mensaxe positiva e de igualdade á comunidade escolar, ás xeracións do futuro, pero tamén á veciñanza en xeral”. Na obra aparecen representadas a pintora galega Maruja Mallo, a escritora africana Chimamanda Gnozie, a música inglesa Delia Derbyshire e a artista plástica xaponesa Yayoi Kusama. O mural, financiado con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade, busca desenvolver un discurso feminista poñendo en valor o patrimonio inmaterial e o legado de mulleres creadoras que sirvan de exemplo e inspiración para as novas xeracións.

Tras a lectura do manifesto e a inauguración do mural, realizarase unha cadea humana pola igualdade para rematar a xornada de actividades coa plantación de flores moradas. Ademais, como é habitual nestas datas, a Casa do Concello e a Cámara Agraria iluminaranse de morado para reivindicar o papel das mulleres na sociedade.

A rexedora anima a toda a veciñanza a participar nas diferentes actividades “coas que aprender, visibilizar e espallar a importancia de vivir nunha sociedade en igualdade”.