O Rosal segue a visibilizar a mulleres profesionais que traballan en sectores historicamente masculinizados

O ROSAL SEGUE A VISIBILIZAR A MULLERES PROFESIONAIS QUE TRABALLAN EN SECTORES HISTORICAMENTE MASCULINIZADOS

A iniciativa está dentro do proxecto “Mulleres que inspiran”

O Concello do Rosal continúa revolucionando mentes e visibilizando a mulleres profesionais que traballan en sectores historicamente masculinizados. O  CEIP Manuel Suárez Marquier do Rosal acolleu a semana pasada unha nova xornada do programa “Mulleres que inspiran”, unha sesión a través da que un grupo de 6 mulleres que traballan en sectores ou profesións tradicionalmente asociadas aos homes explicaron as súas experiencias aos alumnos e alumnas do centro.

A xornada contou coa participación de Juani Parada, xerente da Organización de Palangreros Guardeses (ORPAGU), do sector da pesca; Cintia Lomba, fundadora e socia de Skeirrum, pertencente ao sector das TICs; Eva Baz, socia e fundadora do estudo Eira Arquitectura; Trini Sarmiento, relacionada co sector vitivinícola; e Fe González, creadora de Arela de Fe e pertencente ao sector da artesanía. A xornada estivo moderada por Ana Concheiro.

Mediante esta iniciativa o Concello do Rosal “busca que as máis novas e os mais novos sexan conscientes dos avances sociais conquistados nas últimas décadas por estas mulleres e as dificultades ás que tiveron que facer fronte”, como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Ademais o programa trata de visibilizar a estas mulleres “que inspiran” e que teñen un papel fundamental no desenvolvemento da sociedade e que historicamente foron invisibilizadas.

O programa “Mulleres que inspiran”, financiado pola Deputación de Pontevedra, conta con catro liñas de traballo. A primeira delas centrada no deporte que xa comezou o pasado verán, o concurso fotográfico que se convocou no mes de outubro e este encontro no ámbito do traballo.