O ROSAL SENTA AS BASES DA IGUALDADE A TRAVÉS DUNHA XINCANA INFANTIL

Preto de 100 nenos e nenas rosaleiros participaron na Xincana pola Igualdade no mes de xullo

Durante o mes de xullo, o Concello do Rosal realizou con preto de 100 nenos e nenas de diferentes campamentos do Rosal, unha xincana pola igualdade. A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís, explica que a través desta actividade lúdica, “o que se pretende é concienciar da importancia dos traballos de coidados que normalmente recaen na muller, supoñendo unha carga mental e física moi elevada que dificulta, en ocasións, o acceso en igualdade de condicións ao mundo laboral”.

A Xincana pola Igualdade consistiu nunha serie de probas que as nenas e nenos foron superando ao mesmo tempo que aprendían a compartir e realizar algunhas tarefas do fogar. Esta actividade, ademais de divertida, serviu para empezar unha conversa sobre a importancia de coidar das persoas maiores, enfermas ou máis vulnerables, cubrir as necesidades básicas do día a día, realizar as tarefas do fogar e, incluso, da importancia do acompañamento a citas médicas, cumpreanos, facer os deberes, etc. Todas estas actividades son traballos de coidados que non adoitan repartirse equitativamente entre os diferentes membros da familia e que, con esta xincana, o Concello do Rosal pretende que se poñan en valor e que as e os máis pequenos tomen conciencia e iniciativa nos fogares para implicarse no reparto de tarefas.

A rexedora rosaleira, Ánxela Fernández Callís, lembra a importancia de educar na igualdade dende idades temperás: “a maioría dos traballos de coidados realízanse no fogar, nas familias. A pesar de ser traballos completamente necesarios para que se manteña a vida, traballos que requiren moito tempo e esforzo e que se realizan todos os días, adoitan parecer tarefas invisibles e pouco valoradas. É importante que estes traballos se repartan entre todos os membros dunha familia e que se lles outorgue o valor que realmente teñen”.