O ROSAL SERÁ UN DOS PRIMEIROS MUNICIPIOS DA PROVINCIA EN APROBAR OS ORZAMENTOS PARA 2022

O pleno ratificará este xoves 11 de novembro unhas contas coas que “facer fronte a un novo exercicio cheo de proxectos transformadores”

O Concello do Rosal será un dos primeiros municipios da provincia en aprobar as súas contas para o vindeiro ano. O pleno ratificará este xoves 11 de novembro (20.30 h, salón de plenos do Concello) un orzamento para 2022 de case 4,8 millóns de euros. “A boa planificación e o bo funcionamento do Concello é o que nos permite aprobar xa uns orzamentos para o 2022 cos que facer fronte a un novo exercicio cheo de proxectos transformadores, como a Praza do Calvario”, sinala a alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís.

O Rosal afronta o vindeiro ano con novos retos: xunto á Praza do Calvario, que recibiu recentemento o recoñecemento á súa calidade coa subvención da redacción do proxecto polo Plan Ágora da Deputación e o financiamento pola súa singularidade a través do ReacPon con 517.000 euros, tamén se vai a levar a cabo a ampliación do Mercado e a transformación da estrada Tabagón-As Eiras-Goián, entre outros.

Serán uns orzamentos “que recollen as necesidades de gastos estruturais e servizos con melloras para responder á realidade do Concello” no que se manterá por exemplo a aposta polas actividades culturais, festivas e deportivas, continuando coa liña do exercicio anterior, “coa capacidade de adaptación en todo momento ás circunstancias da realidade sanitaria e levando a actividade ás diferentes xudarías e barrios”. As contas para 2022 tamén dan continuidade ao traballo iniciado este ano no camiño da inclusión con programas como ‘Cocreando Sociedade’, facilitando así alicerces para traballar actividades dende a perspectiva integral da inclusión.

Por primeira vez, estes orzamentos contemplan unha liña específica de igualdade que xurde do compromiso do Goberno local por xerar unha actividade transversal que atenda a este obxectivo social de vital importancia, consolidando o programa ‘Revolucionando Mentes’ e as actividades que se desenvolven ao seu abeiro. Ademais, tamén se manterá a colaboración coas traídas de augas, mantendo o financiamento das analíticas das traídas veciñais iniciadas no actual exercicio, así como as subvencións para investimento nas mesmas.

Por outra banda, o presuposto municipal consolida o apoio ao tecido asociativo “como un dos motores do dinamismo social do Concello no eido cultural, deportivo, social e educativo”. “Despois dun ano atípico no que as asociacións atravesaron tantas dificultades, tamén en cuestións de financiamento, non podiamos deixar de colaborar con elas e de continuar cun apoio e colaboración que foi fundamental durante a pandemia”, recalca a rexedora.

No ámbito da promoción económica e do desenvolvemento de emprego o Concello está a traballar tamén cos organismos supramunicipais para tentar desenvolver algunha actividade formativa.