
20 Abr 2023 O ROSAL SÚMASE ÁS CONCENTRACIÓNS EN DEFENSA DA ATENCIÓN PRIMARIA O 26 DE ABRIL
Será ás 20.00 horas na Praza do Calvario
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal convoca a veciñanza e profesionais a sumarse este mércores 26 de abril á concentración en defensa da atención primaria, que se celebrará ás 20.00 horas na Praza do Calvario.
O Rosal súmase así á convocatoria da Plataforma SOS Sanidade Pública, que chama á cidadanía a unha gran mobilización social e profesional loitar contra o continuo desmantelamento da sanidade pública.
A situación sanitaria no municipio rosaleiro continúa a ser preocupante, xa que o centro de saúde conta na actualidade cun cadro de persoal minguado, no que seguen sen cubrirse todas as prazas de persoal sanitario e no que non se dispón dos servizos necesarios para atender a toda a poboación.