O Rosal, terra de bos lectores e lectoras

O ROSAL, TERRA DE BOS LECTORES E LECTORAS

A alcaldesa entregou os premios a Yulisa Cividades, Álex Diego e Luis Machado, usuarias e usuarios que maior número de libros colleron na biblioteca municipal no último ano

O Rosal continúa conmemorando o Día do Libro do mellor xeito posible: premiando as rosaleiras e rosaleiros con verdadeira paixón pola literatura. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, entregou os premios Bo lector, un galardón co que se recoñece aos usuarios e usuarias da biblioteca municipal que máis libros colleron en préstamo durante o último ano. “É unha forma máis de animar e fomentar a lectura e de facerlles unha pequena homenaxe a todas aquelas persoas que tanto visitan a nosa biblioteca”, salienta a rexedora.

O premio á persoa con máis libros lidos na categoría infantil, de 0 a 9 anos, recaeu en Yulisa Cividanes Rodríguez. Pola súa banda, na categoría xuvenil (de 10 a 18 anos) o primeiro posto foi para Álex Diego Alonso, mentres que na categoría adulto (a partir dos 18 anos) a persoa con máis libros collidos en préstamo na biblioteca foi Luis Machado Rivero.

A alcaldesa fíxolles entrega a cada un dos gañadores e gañadoras dun diploma que recoñece o seu hábito lector e agasallounos cun lote de libros. Fernández Callís deu os parabéns aos tres gañadores e a todos os usuarios e usuarias da biblioteca “porque a lectura é fundamental na nosa sociedade. Convidamos a toda a veciñanza a achegarse ata estas instalacións e desfrutar dun espazo único que sempre ofrece unha morea de posibilidades”.

O Rosal, terra de bos lectores e lectoras