O ROSAL TÍNGUESE DE COR E MENSAXE COA INTERVENCIÓN ARTÍSTICA DA ILUSTRADORA TAMARA BAZ

O mural forma parte da campaña de sensibilización en igualdade do Concello ‘Revolucionando Mentes’ e está situado no muro exterior do campo municipal de fútbol

A entrada ao Rosal tínguese de cor e mensaxe cunha nova intervención mural realizada pola ilustradora Tamara Baz, unha obra coa que a autora fala a favor da igualdade real e efectiva entre todas as persoas. Este mural é unha das accións da campaña de sensibilización en igualdade do Concello rosaleiro ‘Revolucionando Mentes’, coa que se busca achegar á veciñanza unha nova conciencia social baseada no respecto por todas as persoas, independentemente do seu xénero.

“A información é a arma máis poderosa para cambiar a mentalidade da sociedade xeral, para concienciar á cidadanía sobre a importancia da igualdade real e efectiva e para inculcar un cambio de actitude e resposta ante as diferentes realidades que xiran arredor da muller. Invitamos a todo o mundo a pararse un momento diante deste mural e reflexionar sobre o reto colectivo que temos coa igualdade”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández.

A obra xa pode visitarse no muro exterior do campo municipal de fútbol, un lugar elixido por ser un acceso moi transitado tanto por peóns como por vehículos e cun impacto visual no conxunto do núcleo urbano. O máis sincero agradecemento de parte do Concello á U.D. Ribera pola súa colaboración en todo momento para que esta intervención artística se fixera realidade. O mural contou cunha subvención da Deputación de Pontevedra para a súa realización e foi inaugurado este mércores coa presenza da deputada de Igualdade, Victoria Alonso, da alcaldesa do Rosal e da propia autora.

Esta intervención convértese así nunha “oportunidade para sensibilizar e facernos reflexionar, revolucionar mentes cara unha sociedade máis respectuosa e empática”, como salientou a artista. Tamara Baz traballou no seu deseño cunha estética “amable e alegre que invita a acoller o tema con optimismo”, empregando formas orgánicas e siluetas que insinúan pero deixan lugar á imaxinación e cun concepto que xira “arredor dunha mente aberta e viva onde caben as diversas realidades sociais, unha mente que evoluciona cara un futuro mellor”.

Dende o Concello optouse por esta forma de arte urbana para continuar coa campaña de sensibilización porque permite mostrar as obras á unha gran maioría, democratizando o acceso á arte e chegando gran parte da veciñanza de xeito libre e gratuíto. Unha ampla difusión coa que se busca facer chegar ao maior público posible a posta en valor da sororidade entre mulleres ante situacións de discriminación por razón de xénero e a afouteza para denunciar e intentar combater estas situacións. Búscase ademais sensibilizar a toda a cidadanía sobre unha problemática real e fomentar accións en favor da igualdade e corresponsabilidade.