O Rosal traslada o desfile do Entroido ao 25 de febreiro polas condicións meteorolóxicas

O Rosal traslada o desfile do Entroido ao 25 de febreiro polas condicións meteorolóxicas

Fornelos e Novás manteñen a celebración do seu tradicional entroido con actividades para todos os públicos dende esta fin de semana ata o 13 de febreiro

Por mor das malas condicións meteorolóxicas causadas pola borrasca Karlotta, o Concello do Rosal adía para o día 25 de febreiro o desfile de entroido previsto para este domingo. O tradicional desfile, no que participarán preto dunha vintena de comparsas, carrozas, grupos e disfraces individuais xuvenil-adulto, manterá o seu horario e percorrido. Sairá ás 11.00 horas e percorrerá a rúa Xulio Sesto, dende a Rotonda da Feira e a rúa Ramón Franco ata o cruce coa Lomba.

“Queremos que todas e todos podamos desfrutar do entroido coa ledicia propia destas datas, por iso decidimos mover o desfile a unha nova data no que as condicións meteorolóxicas o permitan”, explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora animou á toda a veciñanza a gozar do desfile o día 25 pero tamén a desfrutar dende esta mesma fin de semana da festa nos barrios con tradición máis carnavalesca do Rosal, Fornelos e Novás, “cunha veciñanza implicada e unhas comisións de festas que traballan arreo e ás que queremos agradecer un ano máis o seu esforzo e dedicación”.

Fornelos prepara cinco días de música, gastronomía e actividades. A festa comeza este mesmo venres 9 de febreiro co seu tradicional Porco ao Espeto a partir das 19.00 horas e festival DJ con SaúlDeer e Gabryd dende as 23.00 h. O sábado 10 a festa comezará pola tarde con animación infantil ás 16.30 h e música dende as 22.00 h baile verbena co trío D’Lider, a orquestra La Travesía e DJ Jossi. O domingo 11 a actividade arrancará ás 16.30 h con pasarrúas polo barrio con Trebón dos Xidos e dende as 20.00 horas gran verbena ata que o corpo aguante co trío Xtra, a orquestra Saudade e KY Music. O luns 12 chega a tradicional corrida do galo ás 16.00 h e baile verbena dende as 20.00 h co trío Azar, a orquestra Solara e David Correa. Os cinco días de entroido rematarán o martes 13 coa tradicional Frixidela amenizada por un grupo sorpresa.

Pola súa banda, en Novás a programación do entroido arranca o domingo 11 de febreiro coa centenaria tradición da subida do maio ás 16.30 horas, seguida da actuación da murga Airiños do Cereixo e de xogos populares, inchables e chocolate quente con rosca para todo o público. O luns 12 ás 16.30 horas será a Gran Corrida do Galo, con toro mecánico na praza ao rematar para todos os públicos, e o martes 13 se porá fin ás festas coa tradicional Frixidela con pan de millo e viño amenizada pola música de Roberto Caco a partir das 18.00 horas.