O ROSAL ÚNESE PARA QUE O LIXO NON CHEGUE AO MAR

A praia de Portecelo acolle este domingo 18 unha xornada de limpeza de lixo mariño organizada ao abeiro dun proxecto do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia

As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa a través de info@biologosdegalicia.org ou do teléfono 606 128 293 

O Rosal únese para que o lixo non chegue ao marFomentar a conservación do patrimonio natural do Camiño de Santiago implicando á poboación, a peregrinos e peregrinas, ao tecido asociativo e a diversas entidades. Ese é obxectivo de ‘Stop and help! Que o lixo non chegue ao mar’, un proxecto impulsado polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e que, en colaboración coa Asociación A Jalleira e co Concello, chega este domingo 18 ao Rosal cunha xornada de limpeza de lixo mariño na praia de Portecelo.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima aos rosaleiros e rosaleiras a participar nesta iniciativa, coa que “todas e todos podemos achegar o noso gran de area para acabar cun problema que afecta a toda a poboación. Será seguro unha xornada de limpeza pero tamén de convivencia, aprendizaxe e concienciación sobre como protexer e coidar os nosos mares e océanos”.

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden xa inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo info@biologosdegalicia.org o a través do teléfono 606 128 293.

A iniciativa, que percorrerá outros concellos da comarca, rematará cunha intervención artística final con parte dos refugallos retirados a cargo de reputadas personalidades do mundo da arte contemporánea galega, expertas no eido das intervencións arte-natureza, como Carme Hermo ou Antón Sobral. O resultado final exporase no centro de visitantes do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia coa finalidade de servir de memoria viva na loita contra os lixos mariños e as súas consecuencias sobre o medio ambiente.