O Rosal volve saír á rúa para defender a atención primaria

O ROSAL VOLVE SAÍR Á RÚA PARA DEFENDER A ATENCIÓN PRIMARIA

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal convida á veciñanza a participar nunha marcha este sábado 10 dende a Praza do Calvario ata a alameda da Guarda

A atención primaria no Rosal atópase cada vez nunha situación máis precaria. Despois de meses de denuncias e protestas institucionais e cidadás sen resposta por parte da Consellería de Sanidade, os rosaleiros e rosaleiras saen de novo á rúa para defender a sanidade pública. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convida a toda a veciñanza a participar na marcha que se celebrará este sábado 10 de decembro e que sairá ás 10.30 horas da Praza do Calvario e rematará na alameda da Guarda.

Esta marcha chega tras unha cronificación da precariedade da atención sanitaria no concello, un servizo seriamente ameazado polas políticas de recortes e desmantelamento da Consellería de Sanidade. A poboación sofre importantes trabas e limitacións para acceder e ser atendida tanto nos centros de saúde como no PAC e nos servizos de pediatría de atención primaria, con listas de agarda de días ou semanas e consultas masificadas.

O centro de saúde do Rosal non conta nestes intres con matrona e só hai unha médica en redución de xornada e prolongacións que está a facer principalmente o persoal do PAC da Guarda contratados para días concretos, sen unha cobertura uniforme do persoal médico para atender aos 6.450 habitantes do municipio. Unha situación límite para o concello rosaleiro que continúa coa consulta de San Miguel pechada, o que satura aínda máis os servizos de atención primaria tanto no propio Rosal como na Guarda, poñendo en perigo a saúde e a vida de todos os veciños e veciñas.

Por todos estes motivos, a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal, formada por representantes do Concello, persoal sanitario, representantes do asociacionismo e da sociedade rosaleira en xeral, animan a toda a veciñanza a participar nesta marcha para defender a sanidade pública e recuperar un servizo que cubra as necesidades da poboación.